STEG ó día · STEG opina

13-03-2020

O STEG ESIXE A RECTIFICACIÓN DA CONSELLERÍA NA OBRIGA DO PROFESORADO DE ACUDIR AOS CENTROS DE TRABALLO.

SUSPENSIÓN DAS CLASES NO ENSINO:

Unha vez coñecidas as instrucións da Consellería relativas á actual situación e derivadas da suspensión das clases, dende o STEG entendemos que o persoal docente non pode quedar á marxe das medidas tomadas polas autoridades para evitar a propagación do coronavirus e constitúe unha imprudencia importante o feito de manter a obriga do profesorado de acudir aos centros de traballo, polo risco de contaxio que conleva e polas situacións de imposibilidade de conciliación da vida familiar e laboral, malia as alusións contempladas nas instrucións neste sentido.

Igualmente, entendendo a urxencia na asunción de medidas, cómpre cuestionar -como mínimo- a fase informativa por parte de Feijóo e do seu goberno. As propias xefaturas territoriais descoñecían a medida e enteráronse a posteriori. O profesorado e alumnado despedíronse onte en moitos casos, sen saber da suspensión das aulas, nalgúns outros foi o alumnado quen informou o profesorado, noutros o centro non sabía nada. Isto foi claramente evitábel, pero actuouse noutra dirección, denotando a pouca consideración que o profesorado lle merece a Feijóo e o seu goberno.

Parece dunha alarmante irresponsabilidade que as mesmas autoridades que consideran unha situación de risco o normal desenvolvemento da actividade lectiva, non teñan esa mesma consideración para as actividades que o profesorado debe levar adiante nas escolas, colexios e Institutos nestes días. Na inmensa maioría dos casos, os claustros destes centros están compostos por decenas de persoas, que chegan a superar o centenar de docentes nos máis grandes. O STEG xulga evidente que isto conleva riscos de contaxio e, ademais, non se exerce a prevención e o control necesario diante da expansión do virus. Ademais, o traballo telemático ao que aludiu vagamente o presidente Feijóo na súa rolda de prensa, resulta incerto e difuso nuns casos e imposíbel noutros, nas actuais circunstancias, pois está lastrado en non poucas situacións por deficiencias técnicas ou dificultade de acceso a internet dende a casa en moitos lugares do rural.

Así as cousas, o STEG esixe unha rectificación da Consellería, eximindo o profesorado da obriga de acudir aos centros. E esta esixencia faise antes de que a realidade desta pandemia en expansión apareza de xeito irreversíbel entre o profesorado que está tendo que acudir aos centros.

No entanto, o STEG esixe tamén que as ausencias do profesorado afectado por peche de centro, por estar en corentena ou afectado pola enfermidade sexan consideradas Incapacidade Laboral por enfermidade profesional. Así mesmo deben convocarse, o máis axiña posible, os Comités de Seguridade, Saúde e Prevención de riscos laborais no ámbito educativo. En calquera caso, dende o STEG consideramos que, dado o cambio cuantitativo e cualitativo que está a tomar a propagación do virus no ámbito educativo, o principio de prevención e o dereito á saúde de todos os membros da comunidade educativa deben priorizarse. Por iso, aínda que loxicamente estas medidas débenas tomar as persoas expertas de Saúde Pública, entendemos que a mellor medida que se pode tomar no noso ámbito para controlar a expansión, é o peche inmediato de todos os centros educativos das zonas onde a propagación do COVID-19 está a ser máis agresiva, ademais da suspensión temporal de reunións, congresos e todas as actividades presenciais de formación do en todo o país.

Finalmente, o STEG solicita que a Consellería conceda plena potestade as direccións para poder actuar do mellor xeito que xulguen neste sentido, o de tender a garantir a saúde e conciliación da vida laboral e familiar das traballadoras e traballadores do ensino público.

-documento en pdf

 

                                                                                            13 de marzo

                                                    Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza