Sobre a 'suba salarial'
En datas recentes culminou de forma ben insatisfactoria, ademais de procedimentalmente moi discutíbel, a negociación entre a Administración e varios sindicatos do ensino para actualizar o salario do persoal docente.
A pesar de que STEG reclamou poder participar directamente nesas negociacións, a nosa petición foi denegada co pretexto de que non tiñamos representación na Mesa Sectorial de Educación. Non entendemos os motivos para esa denegación dado que o STEG ten representación nas catro xuntas de persoal docente provinciais e representa a un colectivo de profesorado, en número de votos directos, igual ou maior que o que poderían alegar algunhas das centrais sindicais que estiveron negociando e moi semellante ao dalgunha das dúas que asinaron finalmente un acordo coa Consellaría, FETE-UGT e CC.OO. Un acordo, como é sabido, que foi rexeitado de plano pola central maioritaria e que STEG tampouco avala.
Durante o proceso negociador, dende diferentes partes lanzáronse cifras e prazos para esa suba ou ¨homologación” salarial, pero no STEG non quixemos entrar nese intercambio de números, máis propio dun partido de tenis que dun asunto serio coma as retribucións e os dereitos do persoal docente.
- Desde o STEG entendimos que non se podía comezar unha negociación sobre a suba dos nosos salarios sen recuperar antes o que xa era noso. Poderíase entender que, en época de crise, os salarios non suban, pero non que diminúan!... e, por riba, despois de “superada” a crise, que non se recupere o que nos foi roubado. Esta parte do salario “roubado” corresponde aos complementos específicos das nosas pagas extras durante os anos 2013, 2014, 2015 e 2016; reducións aplicadas só en Galiza de todos os territorios que conforman o Estado.
- Xa existía un acordo de revisión periódica das retribucións das e dos docentes, acordo que a Consellería deixou de aplicar unilateralmente coa escusa dos recortes. O mínimo punto de partida tería sido recuperar ese acordo para poder melloralo.
- Non nos pareceu de recibo, igualmente, fixar a cantidade nunha posición concreta dun ránking entre diferentes territorios. Debemos aspirar sempre a ter unhas retribucións xustas independentemente do que suceda fóra de Galiza.
- O poder adquisitivo perdido nestes cursos é algo obxectivo e cuantificable, xa que o IPC evolucionou nunha curva maior que as nosas retribucións (conxeladas desde 2010 e cunhas subas do IPC do 3,1%; 2,5%; 2,6%; 0,5%; 1,6% e 1,2% en 2010, 2011, 2012, 2013, 2016 e 2017). A Consellería debería ter partido dese punto para iniciar unha negociación xusta e honesta.
-A mellora das condicións de traballo non se debería restrinxir ao meramente económico: deberíase recuperar o horario anterior aos recortes, o dereito a estar de baixa sen que desconten unha parte do soldo, ou as axudas do fondo de acción social, que foron completamente baleiradas de contido, entre outras medidas.
Todas as condicións que se puxeron enriba da mesa e supuxeron unha rebaixa do anteriormente exposto son, para o STEG, unha merma real das nosas condicións laborais. Por iso, a suba salarial finalmente conseguida polas dúas organizacións sindicais asinantes é, como mínimo, insatisfactoria, por non dicir pírrica.
O noso salario incrementarase linealmente nunha contía de 1.260 €/ano, a razón de 90 € ao mes en catorce pagas, subida retributiva que se empezou a aplicar este pasado mes de outubro e que irá implementándose paulatinamente ata o 2021. Traducido en prata, os e as docentes imos cobrar só 15€/mes máis nos tres últimos meses de 2018, 20€/mes máis durante todo 2019, 25€/mes máis a partir de xaneiro de 2020 e 30€/mes máis en xaneiro de 2021, sen posibilidade xa de negociar melloras ata entón.
No STEG non descansaremos ata que nos devolvan o que nos roubaron.
-documento en pdf
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
17 DE OUTUBRO DE 2018