Lei integral para a igualdade de trato e non discriminación
A ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG CONSIDERA POSITIVA UNHA REFORMA DO RÉXIME DE CONCERTOS QUE SUPOÑA A ELIMINACIÓN DOS MESMOS AOS CENTROS EDUCATIVOS QUE SEGREGUEN POR SEXO.
Segundo o recollido no Anteproxecto de Lei Integral para a Igualdade de Trato e a non Discriminación o goberno estatal prepara unha reforma do Decreto polo que se regula a concertación de centros privados con fondos públicos. Se ben é certo que son as comunidades autónomas con competencias educativas as que teñen a potestade para iso, o novo secretario de estado para educación recoñece que “é un asunto que vai estar na mesa de negociación” cos sindicatos representados na mesma.
Tras a sentenza do Tribunal Supremo en abril de 2008, que outorgaba ás diferentes Administracións Educativas a competencia para manter ou rescindir concertos aos centros que segregan ao alumnado en función do seu sexo, desde o STEG demandamos insistentemente ao goberno anterior que puxera fin a estes concertos. Logo de conseguilo, o novo goberno na Xunta renovou estes concertos, decisión contra a que presentamos no seu día un recurso en contra da actual Consellería de Educación.Comprácenos, xa que logo,que esta nova norma prohíba explicitamente que os centros que separan por razón de sexo reciban cartos públicos. Porén, na procura dun punto final efectivo aos concertos a centros que segregan por sexo, desde a Asemblea de Mulleres do STEG demandamos unha modificación da redacción proposta na Lei,
“En ningún caso los centros educativos que excluyan del ingreso en los mismos a
grupos o personas individuales por razón de alguna de las causas establecidas en
esta Ley, podrán acogerse a cualquier forma de financiación pública”
substituíndoa por outra que non limite o alcance da discriminación ao proceso de matrícula. Tal e como ben recollido no anteproxecto, nada impide a centros “masculinos” e “femininos” unificarse formalmente a efectos legais e de matriculación do alumnado, persistindo sen embargo na segregación real do alumnado en edificios e aulas diferentes, con actividades extraescolares, complementares... e mesmo con proxectos educativos segregados.
No suposto de que esta modificación se acepte, manifestamos o noso apoio a este aspecto da norma a aprobar, por supor un avance na loita contra o sexismo. Porén, non queremos deixar de demandar unha reflexión máis fonda sobre a obriga política de loitar contra a discriminación, con máis fincapé aínda cando esta afecta a menores. De recoñeceren coa nova lei, como semella que están a facer, que se trata dunha práctica discriminatoria, a obriga dun goberno é prohibir este tipo de centros, independentemente de que a situación económica da familia lles permita pagar centros que respondan a este ideario. Estamos a falar aquí do dereito das e dos menores a recibiren unha educación non discriminatoria, dereito que non pode ser conculcado en ningún caso.