Relixión e escola
O pasado 3 de novembro de 2009, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo facía pública unha sentenza en relación á presenza de crucifixos nas aulas; de acordo coa letra da sentenza, o Tribunal considera que esa presenza é un feito “contrario ao dereito dos pais e das nais a educar aos seus fillos e fillas segundo as súas conviccións e ao dereito das nenas e dos nenos á liberdade de relixión”, violando, xa que logo, o artigo 2 do protocolo nº1 (dereito á educación) examinado conxuntamente co artigo 9 (liberdade de pensamento, conciencia e relixión) da Convención Europea dos Dereitos do Home (1950).
A decisión do Tribunal establece que a presenza de crucifixos nas aulas pode ser interpretado polo alumnado como un signo relixioso, polo que se sentirán educados nun ambiente escolar marcado por unha relixión dada, o que pode ser animoso para os crentes, pero pode ser perturbador para o alumnado ateo ou que confese outra relixión, en particular se pertence a minorías relixiosas. Segundo o Tribunal, ademais, a liberdade de non crer (inherente á liberdade relixiosa garantida pola Convención), non se limita á ausencia de servizos relixiosos ou do seu ensino, esténdese a todas as prácticas e símbolos de calquera tipo de relixiosidade; sendo esta unha liberdade que merece unha protección particular por parte do Estado, que se debe de abster de impor crenzas relixiosas naqueles lugares nos que se atopen persoas que dependan del. Neste sentido, o Tribunal entende que a presenza de símbolos relixiosos que razoablemente se poden asociar co catolicismo impide o establecemento e desenvolvemento dun verdadeiro pluralismo educativo, que é esencial para a preservación dunha sociedade democrática.
Unha vez coñecida a sentenza, o Vaticano arremeteu contra ela, e o goberno presidido por Silvio Berlusconi, directamente afectado pola sentenza en canto que responde a unha demanda interposta por unha cidadá italiana, anunciou que a ía recorrer. A sentenza, que só afecta a Italia, pero abre a vía para a interposición doutros recursos similares dende outros estados, provocou numerosas reaccións entre os medios conservadores e católicos españois, chegando a advertir que “se ocorre algo semellante en España, haberá que manifestarse con contundencia”.
Dende o STEG congratulámonos da letra desta sentenza en canto que coincide plenamente cos argumentos que sempre defendimos a prol da laicidade do Estado e reclamamos que a Consellería actúe de oficio obrigando á retirada inmediata de símbolos relixiosos dos centros públicos en consoancia coa letra desta sentenza. Así mesmo, animamos ao goberno do Reino a que asuma esta sentenza do Tribunal de Estrasburgo incorporándoa á Lei de Liberdade relixiosa que está a elaborar.
Dende o STEG, ademais, rexeitamos todas as lecturas demagóxicas que estes días están a realizar os sectores máis reaccionarios da sociedade no marco dunha deriva involucionista na que xa levan tempo instalados (lembremos as súas campañas contra os dereitos das persoas homosexuais, o aborto libre e gratuíto na rede sanitaria pública, a investigación con células nai...) e animamos á sociedade a defender a escola laica, a única que por definición pode garantir a igualdade de dereitos de toda a comunidade escolar.
Documento en pdf para imprimir
Enlace á sentenza en francés
Enlace á sentenza en inglés
Secretariado Nacional do STEG
novembro 2009