O STEG apoia, á vez que convida á toda a súa afiliación e a todas aquelas persoas que queran achegarse, á manifestación convocada pola Plataforma Cidadá en Defensa do IES As Mercedes.
A manifestación, que será o vindeiro xoves, 30 de maio, e que partirá do IES As Mercedes ás 19:30 horas, convócase por varios motivos, todos eles relacionados coa defensa do ensino público e a calidade deste:
- Na zona sur de Lugo necesítase manter un IES de ensino medio.
- Esta decisión fai que os IES do centro da cidade amoreen alumnado ata chegar ao tope das ratios legais. Iso é pular pola calidade?
- A ampliación da oferta educativa na FP ten que ser e pode ser totalmente compatible coa continuidade da ESO e do Bacharelato.
- A Administración non pode ser arbitraria e necesita ter informes previos; a proba de que non os tiña feitos é a eliminación das prazas, xa adxudicadas a profesorado, na adxudicación provisional do CXT.
- O novo CIFP terá que cumprir coa normativa que regula aos CIFP e este centro non a cumpre.
Por todo o exposto, facemos un chamamento a toda a comunidade educativa que poida achegarse para que nos acompañe nesta manifestación que, ao cabo, quere defender a calidade dun ensino público.