STEG ó día · Novas

O STEG chama á manifestación do Día das Letras Galegas. Queremos Galego!
16-05-2025

O STEG chama á manifestación do Día das Letras Galegas. Queremos Galego!

O STEG anima toda a súa militancia a participar na manifestación pola lingua que este vindeiro sábado 17 de maio volverá ateigar as rúas de Compostela. Faino nun contexto de indiscutíbel emerxencia lingüística, ao abeiro dos terríbeis datos de uso do galego revelados no último estudo publicado polo IGE hai uns meses e que, mesmo hai uns días, o Secretario Xeral da Lingua, Valentín García, quixo desmentir en sede parlamentar, nunha actitude irresponsábel que nega a evidencia que, tamén como docentes, encontramos nos centros de ensino cada día.

 

Dende o STEG, ao tempo, celebramos a atinada decisión da Real Academia Galega de dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral, toda vez que o noso sindicato leva moitos anos contribuíndo modestamente, na medida das súas posibilidades, á posta en valor e visibilidade de todas as manifestacións da nosa lingua e a nosa literatura, promovendo o seu uso e o seu coñecemento no ensino público galego.

 

Esta escolla constitúe, ao noso ver, unha oportunidade de repensar a concepción da creación literaria como tal, ampliando os seus marcos e expandíndoa a outras voces que lle dan forma á nosa psicoxeografía nacional e colectiva, actualizando a valiosa proposta do Día das Letras Galegas, formulada en 1963 por Fernández del Riego. Ao tempo, continúa con bo criterio a reivindicar e situar no centro as achegas fundamentais das mulleres á nosa literatura.


 

As coplas e cantigas da tradición oral galega agromaron espontaneamente nas fendas do capital, alleas a circuíto ningún, apegadas á vida cotiá, en delicados ecosistemas que teñen a súa cerna maiormente no rural. A palabra é un lume sen dono. O tempo, unha tristeza sen nome. E o canto, na tradición oral, axúdanos a sentir que vencemos o paso do tempo. Porque coa palabra cantada centramos a mirada sobre o mundo e dámoslle un sentido que non ten por si só. Ela é a gran broma bufa e abstracta que as persoas temos para burlármonos dos padecementos e da morte. E o canto aparece así naqueles espazos tradicionalmente considerados profanos á creación literaria, maiormente da man das mulleres das clases subalternas: na fin dun labor ou no seu descanso, nun fiadeiro, nunha feira, nunha romaría. Ou recollendo as redes do mar, traballando nunha conserveira ou entre as sabas molladas e o arrecendo a xabón dun lavadoiro… Está inscrito na vida e acompañou e acompaña o noso tránsito por ela.

 

As coplas e cantigas das cantareiras, que celebraremos nestas Letras Galegas de 2025, conteñen, si, unha intención informativa: a contemplación da paisaxe, a evocación dun amor ou unha amizade, un conflito, unha mágoa, unha chanza ou unha perda, unha inesperada ledicia… Pero non só. É o relato da complexidade dos sentimentos e as relacións humanas, afiado pola tensión musical que contén o canto, a arpa do vento. Moitas destas pezas, por desgraza, perdéronse. Pero afortunadamente consérvanse moitas outras, transmitidas a través de varias xeracións de mulleres. Trátase, daquela, dun acto consciente, colectivista e xeneroso, aberto e plural. Elas subliman o seu carácter casual, transcéndeno e adquiren tamén categoría literaria e artística. Pasan a incorporarse entón ao inconsciente colectivo e fixan parte da identidade dun pobo. Transitan así da tradición oral ao que Malraux, segundo Deleuze, define esencialmente como arte. O que resiste o paso do tempo.

 

Delas é, como no Romance de Gerinaldo recollido por Dorothé e que cantaba a Concepción do Courel, o reino perdido.

 

Cantemos. Agardámosvos nas rúas.

 

Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza