Masacre contra axuda humanitaria
O Secretariado Nacional do STEG condena enerxicamente ao Estado de Israel, responsable do masacre perpetrado polo exército israelí contra os e as integrantes da “Flota pola liberdade”, un conxunto de embarcacións cargadas con axuda humanitaria que se dirixía á bloqueda franxa de Gaza
Na madrugada do pasado 31 de maio o exército israelí atacou, en augas internacionais, a “Flota pola Liberdade”, unha flota integrada por seis naves e un equipo humano duns setecentos activistas de máis de cincuenta nacionalidades, todos persoal civil desarmado, polo que non podía constituír perigo ningún para o Estado de Israel. A Flota pretendía facer chegar á bloqueada Franxa de Gaza arredor de dez mil toneladas de axuda humanitaria, incluíndo artigos de primeira necesidade, materiais de construción, escolares e sanitarios...
O ataque do Exército israelí, realizado en metade da noite, provocou a morte de dezanove activistas e feridas de diversa consideración a outras sesenta persoas.
O STEG denuncia este ataque israelí, que ao ser realizado en augas internacionais e contra integrantes civís dunha flota con axuda humanitaria, debe ser cualificado como un acto de piratería. Trátase dunha mostra máis do que o Goberno de Israel entende por coexistencia pacífica, diplomacia e relacións internacionais nun contexto de ausencia de violencia. O Goberno de Israel, co Ministro de Defensa á cabeza, Ehud Barak, comete con este ataque un novo crime de lesa humanidade, violando outra vez tanto as resolucións da ONU como os principios elementais do Dereito Internacional.
O STEG traslada ás familias das vítimas toda a súa solidariedade. Ao mesmo tempo, mostramos unha vez máis o noso respaldo ao Pobo Palestino e á súa loita pola liberación nacional. Ao mesmo tempo, proclamamos o noso apoio ás organizacións populares israelís que pelexan por un verdadeiro cambio político no seu país que contribúa á pacificación definitiva do Próximo Oriente.
Secretariado Nacional do STEG
xuño 2010