STEG ó día · STEG opina

02-03-2011

O STEG defende a formación de calidade do profesorado galego

Formación do profesorado

O STEG DEFENDE A FORMACIÓN DE CALIDADE DO PROFESORADO GALEGO

Onte ( 1 de marzo de 2011) unha organización sindical publicou na súa web e enviou aos centros unha noticia na que denuncia a discriminación que está a padecer o profesorado galego en materia de formación permanente por razón dunha decisión, comunicada ás OOSS, que a Consellaría tomou en febreiro de 2010. A partir dese momento só se homologarán aqueles cursos solicitados polas OOSS e MRPs que se rexan polos mesmos criterios que os empregados polos CEFORES.

Ante as acusacións verquidas contra o STEG acusándonos de termos actuado de forma interesada, queremos expor as nosas razóns:

As organizacións sindicais integrantes da comisión de recoñecemento de formación fomos informadas dos criterios de formación en materia de horarios que adoptara o servizo de formación do profesorado da Consellaría. Ningunha das OOSS alí presentes amosamos rexeitamento a esta proposta. Con todo, na comisión de decembro, todas as OOSS aceptamos a homologación dun curso de 50 horas da CIG-Ensino, que argumentou problemas de planificación para mudar a súa oferta desde o anuncio do cambio de criterios.

O STEG non oferta cursos destas características nin solicita a homologación dos mesmos en Madrid. A Confederación de STEs está formada por sindicatos independentes que, en cuestións como a formación, manteñen unha pluralidade de posturas que van desde sindicatos que non ofertan ningún tipo de formación ata os que ofrecen formación on-line. A postura do STEG dentro da Confederación de STEs é neste asunto, como en todos, soberana e coherente: pensamos que non é función sindical prioritaria a formación específica de traballadoras e traballadores, senón responsabilidade da empresa ou, no caso que nos ocupa, da Administración. Polo demais, a nosa organización non se financia a costa de privatizar a actividade formativa.

Ao mesmo tempo queremos aclarar que para homologar estes cursos a través do MEC non fai falla ter “sede central” en Madrid, e que calquera organización sindical, quer de ámbito nacional quer de ámbito estatal co 15% de representación, pode optar por esta vía.

O STEG vén manifestando a súa preocupación pola calidade da formación on-line, posicionándose en contra dos criterios de homologación do MEC ao entender que non velan por que isto se cumpra, ao permitir que unha mesma persoa coordine varios cursos ao mesmo tempo, non establecendo límites ás horas de docencia; ao non aplicar ningún criterio relativo aos contidos.... Por iso, levamos tempo demandando a negociación dunha norma galega que, atendendo ás necesidades reais do profesorado, garanta a calidade.

Desde o STEG queremos denunciar a manipulación irresponsable que se fai do tema lingüístico con este asunto. Ninguén pode, honestamente, atribuír aos contidos do curso a negativa a homologalo. Empregar este argumento contribúe a sementar a confusión, alimentada por organizacións interesadas en acusar de vitimistas – ou directamente falsas- todas aquelas denuncias reais sobre os ataques que esta Consellaría comete contra o galego. Decepciónanos profundamente a utilización interesada do tema da nosa lingua por parte dunha organización que, ao igual que o STEG e moitas outras organizacións e colectivos, ten amosado o seu compromiso coa lingua.

Finalmente, desde o STEG esixiremos que a Administración educativa manteña uns mesmos criterios entre o que planifica e o que demanda, mudando en futuras convocatorias aquelas ordes que así o esixan.

 
Secretariado Nacional do STEG
2 de marzo de 2011

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza