17-11-2016 O STEG entende que hai que ir máis aló e esixe a súa derrogación inmediata
Votación no Congreso da paralización da LOMCE
O Pleno do Congreso aprobou na tarde de onte, con 208 votos a favor, 133 en contra e dúas abstencións, a Proposición de Lei, presentada polo grupo socialista, sobre a suspensión do calendario de implantación da LOMCE. A totalidade da oposición, con diferentes matices expresados ao longo do debate, expresouse unanimemente fronte a un Partido Popular que non é quen de escoitar as demandas sociais dende a imposición da lei educativa máis retrógrada e elitista dende a chegada da democracia. Con todo, o proceso que agora comeza estenderase durante varios meses até que se aprobe definitivamente, atraso ao que con toda seguridade contribuirá o partido do goberno do Estado no seu trámite polo Senado.
Como primeira reacción, o ministro Méndez de Vigo indicou que a iniciativa supón un bloqueo ao seu pretendido Pacto pola Educación, mentres anunciou a convocatoria da Conferencia Sectorial de Educación o 28 de novembro, onde pretende acadar un acordo coas Comunidades Autónomas sobre a paralización dos efectos académicos das reválidas, co que a de 4º de ESO sería de carácter diagnóstico e a de 2º de Bacharelato serviría como acceso á Universidade.
Dende o STEG, volvemos manifestar que pouco queda por avanzar xa no calendario de aplicación da LOMCE que o MECD foi impoñendo antidemocráticamente, consciente da súa minoría política ao longo deste ano. Non é dabondo con que a ínfima parte restante (as mencionadas probas finais) sexa suspendida. A LOMCE xa está en marcha, con todas as súas consecuencias.
O máis imperante e urxente agora é a reversión de todos os recortes educativos e a derrogación definitiva e inmediata da LOMCE, medidas fundamentais para dignificar a escola pública e acadar, a través do diálogo e a negociación coa comunidade educativa, as condicións para establecer unha educación pública igualitaria, compensadora das desigualdades, democrática, laica, coeducadora, respectuosa coas diferentes linguas e culturas do estado, e libre dos intereses privatizadores e ideolóxicos das elites conservadoras.
O STEG insta a todos os grupos políticos na necesidade de que avanzar sen impedimentos nos obxectivos expostos, e fai constar de que en caso contrario a mobilización seguirá presente nas rúas e nas aulas.
Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
16 de novembro de 2016