15-03-2013 O STEG exixe que se devolvan os cartos e se invistan en centros públicos
O TSXG invalida os concertos aos centros que segregan por sexo
O STEG VEN DE GAÑAR O RECURSO CONTENCIOSO - ADMINISTRATIVO QUE INTERPUXO CONTRA A ORDE DE CONCERTOS EDUCATIVOS AOS CENTROS QUE SEGREGAN POR SEXO.
Nada máis gañar as eleccións en marzo do 2009 o novo goberno do PP, volveu incumprindo a lexislación, subvencionar aos colexios que segregan por sexo contrarios aos principios da coeducación. A anterior administración do goberno bipartito, despois das mobilizacións e denuncias do STEG, retirou as subvencións aos centros que separaban ás nenas dos nenos. Tanto o Decreto de admisión do alumnado como a propia LOE impiden discriminar ao alumnado por razón de sexo tal como fan estes colexios privados próximos ao OPUS DEI (cinco en toda Galiza). En base a isto a asesoría xurídica do STEG presentou un recurso contra esta decisión política da Consellería de Educación que ven de gañar.
A decisión tomada pola administración do PP, e que se repite en todo o Estado, evidencia a liña educativa deste goberno que non ten reparos e reducir centos de postos de traballo, investimentos en recursos, libros de texto ou comedores escolares no ensino público co argumento da crise, nin en adicar 3 millóns de euros de todas e todos, para subvencionar a unha empresa educativa contraria ao espírito da coeducación.
Máis dunha vez emprégase o dereito a escoller das familias para xustificar políticas afíns ao ideario máis reaccionario deste goberno, malia seren vulneradoras dos dereitos da infancia.
A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza invalida os concertos con estes cinco centros (Acacias, Montecastelo e Aloya en Vigo e Montespiño e Peñarredonda na Coruña) en base a que a LOE establece que os centros concertados non poden discriminar ao alumnado por razón de sexo o que conleva a NON renovación destes concertos polo que é inadmisible que o curso próximo estes centros manteñan o concerto.
O TSX non cuestiona a existencia da educación diferenciada senón que esta poida acollerse ao sistema de ensino gratuíto de centros concertados sostido con fondos públicos.
O STEG exixe que todos eses cartos que foron a parar a estes centros desde o 2009 sexan devoltos para seren investidos en centros públicos e que se execute a sentenza para o próximo curso escolar.
Secretariado Nacional do STEG.
14 de marzo de 2013
Sentenza do TSXG