Tansformación de IES en CIFP
O STEG, xunto coa comunidade educativa, manifestouse hoxe diante do Parlamento na defensa dos dereitos do alumnado e profesorado afectado pola transformación dos IES en CIFP
Centos de persoas ( nais, pais, alumando e profesorado) solicitamos a retirada do Decreto lesivo para os dereitos da comunidade educativa. A imposición dun Decreto que impide ás familias escoller o centro onde van estudar as súas fillas e fillos e que suprime ao profesorado sen informalo previamente para que puidera exercer o seu dereito a participar no concurso de traslados é rexeitado de plano polo STEG.
A actitude desta Consellaría impide minimizar o impacto deste cambio de ensinanzas xa que non contou en ningún momento coa comunidade educativa ( familias, profesorado, direccións e alumnado). De terse feito coa transparencia e información esixíbel a calquera administración o impacto sería moito menor e a solución sería consensuada.
Na mesa sectorial o STEG e outras organizacións demandamos adiar esta transformación para o vindeiro curso para estudalo e así conseguir o consenso da comunidade educativa. A Consellería negouse a admitir esta demanda o que impedía calquera posibilidade de negociación.
Por este motivo é preciso mobilizarnos para denunciar a mentira da Consellaría que afirma crear prazas de FP cando na realidade está a suprimir prazas nos IES e aumentando as ratios a máis de 30 alumnas/os como por exemplo, entre outros, o IES Nº 1 de Ribeira. Ademais esta situación levará ao paro a moito profesorado interino afectado.