MESA SECTORIAL DO 29/04 SOBRE AS OPOSICIÓNS 2020:
A Mesa Sectorial do Ensino Público convocada pola Consellería de Educación, que terá lugar mañá xoves por vía telemática, abordará coas organizacións sindicais a aprobación da modificación da Orde de Oposicións 2020, nos termos propostos por esta, relativos á retirada dalgunhas das datas dos prazos previstos que constaban no texto inicial, lixeiras modificacións das probas relativas ao coñecemento da lingua galega e castelá así como algún aspecto relacionado coa fase de presentación.
Pero, en todo caso e sobre todo concretará, de saír adiante, a aposta da Consellería sobre o adiamento das Oposicións ao 21 de xuño de 2020.
O STEG ten moi presente que hai división de opinións e, sobre todo, moita inquedanza e nerviosismo entre as persoas aspirantes e a comunidade educativa en xeral. Algunha xente dá por bo este adiamento e algunha outra é partidaria en cambio de que a Consellería de Educación desista da convocatoria realizada, toda vez que a suspensión do prazo de celebración das mesmas pode derivar en graves problemas de seguridade xurídica, propoñendo polo tanto que tras desistir se proceda por parte da Consellería a realizar de forma inmediata unha nova convocatoria. Neste senso tense constancia da aparición de colectivos e plataformas que veñen de contactar coas diferentes organizacións sindicais e que poderían explorar vías xudiciais no caso de que a Consellería continúe polo camiño anunciado.
En todo caso, cómpre sinalar que existe consenso en garantir, como mínimo o número de prazas ofertadas. Consenso avalado ademáis pola inclusión da OPE 2020 no Real decreto de modificación parcial e transitoria do Regulamento de Ingreso nos corpos docentes LOE.
Ao respecto de todo isto o STEG quere darlle traslado á Consellería e aos diferentes axentes da comunidade educativa de certas cuestións que, ao noso criterio, deben ser tidas en conta para enfrontar esta complexa situación:
- a Consellería de Educación, no exercicio das súas funcións, debe velar en primeiro lugar pola seguridade xurídica da convocatoria de Oposicións, a fin de evitar que se desenvolvan nun clima de incerteza para as aspirantes derivado da posible impugnación da presente convocatoria, así como que a convocatoria garanta a provisión do persoal necesario para o adecuado desenvolvemento do servizo público educativo.
-neste senso e, no caso de que a Consellería acorde desistir da presente convocatoria e promover unha nova, sempre dentro do 2020, o STEG opina que é fundamental aproveitar o novo marco para dar resposta ás necesidades do servizo público educativo evidenciadas, xa dende hai moito tempo, pero sen dúbida con total claridade durante esta crise do COVID-19. A tal efecto cómpre recoñecer a necesidade dunha oferta de prazas superior, que permita garantir a calidade do servizo educativo: reducir as ratios, cubrir as necesidades de profesorado de apoio, a atención á diversidade ou a recuperación da lingua galega, enfrontar as novas tecnoloxías, etc.
-nese suposto, sería o momento tamén para que a nova convocatoria recollese o recente pronunciamento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e dese solución efectiva ao problema que dende hai anos ven aturando o profesorado interino e substituto. Ao fío disto, o STEG entende que sería o momento de abordar seriamente a opción dun modelo de acceso diferenciado dunha vez por todas, garantindo a igualdade de condicións para o persoal aspirante, tanto interino e substituto como o de acceso libre.
Finalmente, suporía unha nova oportunidade para que a convocatoria recollese as demandas reiteradamente realizadas polo colectivo de persoas opositoras respecto do actual modelo de ingreso, concretando aspectos que puidesen conferirlle un verdadeiro carácter de concurso-oposición aos procedementos selectivos (supresión do carácter eliminatorio da primeira proba, gravación das probas orais, etc...entre outros)
Independentemente do camiño que se siga, dende o STEG xulgamos que a actual situación puxo ao descuberto as necesidades que o ensino público galego presenta logo de anos de recortes por parte do Goberno da Xunta de Feijóo, que unidos á actual situación, motivarían un escenario de decidida aposta polo ensino público, concretada nunha oferta ampla de prazas e na dotación de máis persoal e recursos para atender as necesidades educativas do alumnado galego.
Finalmente, o STEG segue con interese e atención a evolución dos acontecementos e tratará de velar na medida das súas posibilidades pola defensa da calidade do ensino público galego.
-documento en pdf
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
29 DE ABRIL DE 2020