STEG ó día · STEG opina

26-03-2019

O STEG valora positivamente a sentenza xudicial sobre o acontecido no IES García Barros da Estrada (interceptación ilegal de datos informáticos e descubrimento e revelación de segredos)

Na defensa das traballadoras e traballadores do ensino público

Hai case dous anos, a finais do curso 2016-2017, a prensa fíxose eco do caso acontecido no IES García Barros da Estrada, onde alumnado deste centro fora quen de acceder ás contas de correo corporativo dunha parte do profesorado. O STEG daquela tivera coñecemento do xeito en que o alumnado cometera esta vulneración da privacidade e, para a nosa sorpresa, resultou que non era preciso ter grandes coñecementos de informática por parte do alumnado, e que podería estar sucedendo en todos os centros educativos en que o alumnado tivese acceso a un equipo informático de uso compartido co profesorado. Pero a nosa sorpresa foi aínda maior cando, tras pasar semanas dende que a Consellería coñeceu os feitos, non realizou comunicación ningunha ao resto dos centros educativos onde podería estar sucedendo exactamente o mesmo.

Por aquel entón, o STEG apoiara o profesorado do centro, facéndose eco do comunicado do seu claustro –onde se denunciaba que se violara a súa privacidade, ao tempo que se esixía que os servizos xurídicos da Consellería se volcasen na protección dos dereitos das traballadoras e traballadores do ensino-. Igualmente, lamentouse daquela o tratamento sensacionalista e pouco rigoroso dalgún sector da prensa, que só daba informacións de parte, así como a non comparecencia dos responsábeis políticos.

Na mesma liña, o STEG contribuíu como mellor puido, poñéndose en contacto con persoal experto en informática e transmitíndolle aos centros educativos as medidas de seguridade precisas para comprobar e, no seu caso, eliminar a posibilidade de que esta mesma situación se dese noutros centros educativos.

Posteriormente, os nosos servizos xurídicos asesoraron legalmente as nosas afiliadas así como un importante número de profesorado afectado pola situación (case medio centear). Case dous anos despois, o proceso xudicial chegou á súa fin, coa condena do alumnado responsábel dos delitos de interceptación ilegal de datos informáticos e descubrimento e revelación de segredos. O STEG, respectando as decisións xudiciais, sempre foi máis partidario, en todo caso, de facer pedagoxía que de sancións. Ao tempo que considera que o importante é que quedou clara a absoluta dilixencia do profesorado do centro, o que contribuirá sen dúbida a recuperar a normalidade no funcionamento do centro e garantirá o restablecemento do clima de confianza, diálogo, respecto e tolerancia de todos os axentes da comunidade educativa que se viu afectada.


-documento en pdf



                                                                                Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
                                                                                                                                                  20 de marzo de 2019

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza