STEG ó día · STEG opina

01-02-2012

O problema do abandono escolar xéstase antes do que pensa o Ministro

Abandono escolar

O Ministro de Educación chegou ao Parlamento cun grande afán reformista para mellorar o sistema educativo, e o fai desde a súa maioría absoluta que lle permitirá a súa aprobación parlamentaria, pero polas liñas que vén de enunciar na súa intervención na Comisión de Educación e pola falta de propostas para atallar os brutais recortes orzamentarios que se están a aplicar desde o propio Ministerio e en practicamente todas as comunidades, non parece que vaia ter nin o apoio nin a complicidade dunha  parte importante da comunidade educativa nin do profesorado.

O Ministro Wert parece que quixo conformar na súa intervención do 31  de xaneiro aos sectores máis conservadores e retrógrados da sociedade, pois se centrou sobre todo en aspectos como a supresión de Ed. para a Cidadanía, e o aumento dun ano no bacharelato,-o que supón a separación un ano antes ao alumnado que terá que optar entre este ensino ou a FP, que volve  a aparecer como a saída para o alumnado que “non vale”-, así como a publicación da avaliación externa do alumnado  que dará lugar a un ranking de centros... Respecto a cada un destes aspectos desde o STEG queremos salientar:

1.O Ministro parte dun grave erro de análise para rematar co abandono escolar e mellorar a calidade do ensino: reformar o último curso da ESO, prolongando un curso máis o bacharelato e os ciclos de FP de grao medio, e non entrando a tratar de solucionar o problema nas súas raíces, pois hai que mellorar o ensino primeiramente no verdadeiro lugar no que comeza a xestarse o abandono escolar: nos últimos cursos da Ed.Primaria e nos primeiros da ESO.

Ademais, a  proposta ministerial pode supor, ao anticipar un curso a FP, a supresión dos actuais grupos de Diversificación de 3º e 4º da Ed. Secundaria, así como dos PCPIs. Esta proposta pode supor asemade máis privatización para o sistema educativo, ao realizarse a concertación do bacharelato e dos ciclos de FP. Son moitas as preguntas as que debe aínda responder o Sr. Wert para convencernos de que se trata dunha medida que mellorará as taxas de fracaso escolar….

2.Respecto á supresión da materia de EpC, desde o STEG queremos denunciar que o PP volva a empregar a mesma estratexia que utilizou no noso país co tema da lingua :dar voz a minorías extremistas proxectando unha imaxe de conflito onde non o hai,para, en nome dunha falsa liberdade, recortar en igualdade. Ten sido a obxección dun par de centos de familias –dun total de 800.000 alumnas e alumnos en todo o estado- a que finalmente consegue desterrar do currículo escolar a milleiros de familias monoparentais, multiparentais, homosexuais…presentes na nosa sociedade e que precisan ser visibilizadas na escola para que ésta non sexa un axente de reproducción da discriminación que aínda, sen dúbida, sufren na actualidade. Desde o STEG lembramos ao Sr. Ministro que non ten autoridade ningunha para falar de adoutrinamento na escola mentras  manteña nela a ensinanza da relixión, e que ensinar a respectar cousas como a diversidade sexual é ensinar dereitos humanos, non adoutrinar.

3 Sobre o novo modelo de acceso, ao afirmar insistentemente que queren seleccionar “aos mellores”, estase a enviar a mensaxe implícita de que o profesorado que accedeu polos sistemas anteriores non é o mellor,dando a entender que a culpa do fracaso escolar é súa…Mal comezo para un aspecto tan complexo como o que aborda o Real Decreto de Acceso,e que, nos tememos, non fará fincapé nas capacidades pedagóxicas do profesorado.

4. Respecto á publicación dos resultados das avaliacións externas dos centros educativos, que trae como consecuencia a elaboración dun ranking dos mesmos, desde o STEG denunciamos que en Madrid tivo xa como consecuencia o agravamento das diferencias entre centros, xa que a suposta “elección de centros por parte das familias” acaba converténdose na selección de alumnado por parte dos centros mellor valorados e máis demandados, o que garante a súa vez bos resultados nas avaliacións.Creanse así centros de primeira, segunda e terceira categoría. Abraia que non anuncie que estas avaliacións externas se empregarán para tomar medidas correctoras das desigualdades que revelan.

Desde o STEG esiximos que o Ministro convoque de forma inmediata á Mesa Sectorial de Educación para poder facerlle chegar directamente as nosas propostas e tratar de lograr acordos que poidan servir para mellorar o sistema educativo público.


                    Permanente do Secretariado Nacional do STEG
                                      31 de xaneiro de 2012

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza