STEG ó día · STEG opina

09-06-2025

O quilómetro cero da neutralidade ideolóxica

O mesmo día no que o equipo do Conselleiro do Mar, con total neutralidade ideolóxica, coma quen contemplaba a retirada de Modric no Bernabeu, aplaudía o seu dimisionario Alfonso Villares, acusado dun presunto delito de agresión sexual, o Conselleiro de Educación Román Rodríguez anunciaba, cun ton a medio camiño entre Bienvenido Mr. Marshall e Gayoso chamando a deshora no prime time, que se acabó la fiesta, parafraseando os novos profetas da neutralidade ideolóxica.
 
E é que xa se sabe, dende que chegou isto da democracia as nosas escolas, os cerebros vulnerábeis do noso alumnado foron enchéndose de perigosos separatistas, animalistas, irredentas feministas radicais, nacionalistas radicais bloqueiros, comunistas escindidos do Bloque (peores aínda), artistas camufrados de funcionarios, hippies, perigosas activistas do ecoloxismo, mesmo xente comprometida cos dereitos humanos e cos da infancia, algún curmán de Pablo Iglesias... Esquerdallada woke.
 
Por que hai que ser machista ou feminista se, como dixo Feijóo, o feminismo verdadeiro era o das nosas avoas, o de antes...? Galego ou castelán? Palestina ou Israel? De xoubas ou de liscos? Nazis ou antifascistas? Los extremos son malos, dixo un cuñado. Pero entre toda canta imaxe podía usar o Conselleiro para sinalar a pertinencia correctora desta deriva da Galicia que madruga mal, decantouse por unha que apela ao noso inconsciente colectivo: a da pataca. A pataca equidistante. A medida xusta. Fritidas ou cocidas? Que máis ten, se están todas boas. Pois Román Rodríguez, como bo lalinense, afamado centrista xeográfico do país, sabe ben onde está a neutralidade. Nin teu, nin meu, en Lalín. O quilómetro cero da equidistancia.
 
Falemos claro: o feito de que unha parte moi importante da comunidade educativa decida impregnar a súa labor docente e profesional nas escolas cos ideais que a moven na súa condición de cidadáns e cidadás comprometidas coa defensa dos dereitos humanos, os dereitos da infancia, a defensa da nosa lingua e do noso territorio,  entre outros, mesmo erguendo bandeiras e desenvolvendo campañas en apoio a un pobo –o palestino- que está a sufrir un dos xenocidios máis graves dos que se ten noticia dende o nazismo, parece romper iso que Román Rodríguez chama “neutralidade ideolóxica”. Ese territorio onde o noso Conselleiro imaxina a terra prometida do neutro, vivamos como galegos, din na publicidade. O riquiñismo que tanto lle gusta a Rueda.
 
Pero o certo é que este anuncio constitúe unha nova afrenta á lexitimidade e funcionamento democrático dos centros a través dos seus órganos colexiados. Ao Conselleiro non lle chista que se ondeen bandeiras –aludiu ás bandeiras ucranianas e rusas (alguén viu algunha bandeira rusa nos centros?)– pero estaba pensando claramente nas palestinas.  Non apoiar a xente que está sendo exterminada ofrécenos unha idea moi confusa da neutralidade. Porque tampouco gusta que a escola se faga eco da repulsa social –manifesta- que unha parte importante do país ten cara a Altri. Que idea de neutralidade se defende cando non se toma partido por defender o noso país e o noso medio das agresións medioambientais?
 
Mais ben, parece que o que molesta na Xunta son as posicións que o profesorado defende no exercicio das súas funcións, respondendo, por certo, ás funcións que a propia lei lle encomenda á escola pública: a de garantir a igualdade de oportunidades e a xustiza social, contribuíndo á formación dun espírito crítico entre o noso alumnado.
 
Postas a reclamar “neutralidade ideolóxica”, ao mellor buscando no nobre ideario e valores de determinados centros concertados, encontramos esa luz que nos falta para encontrar o camiño. Frivolizar cos padecementos e abusos que hoxe algúns exercen baixo o paraugas do brutalismo (defender o dereito dos máis forte a esmagar os máis febles con total impunidade) é un exercicio de irresponsabilidade impropio de quen ten a misión de garantir a calidade do ensino público galego. Facer política patrimonialista (confundindo os intereses das institucións públicas e do ben común cos intereses propios) di ben pouco desa suposta equidistancia e neutralidade que tanto motiva a Román Rodríguez.
 
O profesorado ben sabe que a única equidistancia posíbel é a de estar o máis preto posíbel de quen menos ten, máis sofre e menos posibilidades lle quedan para saír adiante. E o máis lonxe posíbel do reaccionarismo depredador que non se conforma con nada, nin con deixar que a escola pública contribúa a mellorar un pouco esta deriva dos tempos.
 
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
 

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza