STEG ó día · STEG opina

30-03-2020

Orde de axudas a familias do alumnado beneficiario das bolsas de comedor: un novo fregado para as direccións

STEGOPINA

A Consellería vén de publicar –“oficialmente” hoxe luns 30 de marzo- na súa web e no DOG a ORDE do 27 de marzo 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de carácter directo as familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar nos centros públicos non universitarios xestionados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, durante a situación de suspensión do servizo de comedor como consecuencia do COVID-19 con levantamento dos prazos de suspensión do procedemento.

 

Mais a publicación desta Orde foilles anunciada ás Direccións dos centros de ensino galegos durante a xornada do sábado 28, a través dunhas instrucións que anticipaban o contido da mesma que agora se coñece. E esta cuestión ten importancia, pois é coincidente no tempo coa promulgación dun RD Lei 10/2020 por parte do Goberno do Estado que entra en colisión directa (pola restricción de movementos e actividades en que profunda) con dita Orde. Neste sentido, a valoración xurídica trasladada onte de madrugada (domingo ao luns) ás direccións dos centros comeza indicando que se lle aconsella ás persoas dos equipos directivos non se desprazaren aos centros de ensino, agás que sexa estritamente necesario.

 

Sabemos que a inmensa maioría das dirección dos centros son previsoras e responsábeis pero, inda así, é comprensíbel que para este proceso precisen case inevitabelmente de se desprazaren aos centros. Ao tempo, dende onde se farán os centos de chamadas telefónicas? Quen as costeará?

 

É unha situación extraordinaria? Si, sabémolo. Pero iso non exime a Consellería de facer as cousas algo mellor, a tenor do contido destes feitos.

 

Malia que aparentemente e nun principio, todas aquelas medidas encamiñadas a axudar as familias e alumnado con menos recurso parecen positivas no camiño de enfrontar a grave crise sanitaria, económica e social ocasionada polo COVID-19, dende o STEG vémonos na obriga de poñer a atención sobre certos aspectos que ao noso xuízo son prexudiciais para a calidade do ensino público, especialmente pola enorme sensación de desorganización, precipitación e improvisación nestas actuacións. Así:

 

-correspóndelle aos equipos directivos contactar telefonicamente coas familias que non estean en condicións de faceren elas mesmas as axudas, ou tramitalas ou sinxelamente informalas, recollendo: DNI ou NIE da persoa representante legal do alumnado (titor/a), condicións de beneficiarios de comedor nas bases de datos da Consellería, nome e apelidos do titor/a; nome, apelidos e curso dos fillos/fillas e datos bancarios.

 

Posteriormente, deberán seren os equipos directivos quen reflictan estes datos nunha nova extensión da aplicación informática da Consellería, que de todos xeitos non estará dispoñíbel ata hoxe luns cara o final da xornada.

 

-No STEG preguntámonos como farán en moitos centros do país para avisar todas as familias para que faciliten esta información ou parte dela. E xulgámolo un despropósito: como se chama a 100, 200 ou 400 familias cando só hai unha persoa por centro?

Pois o prazo para a solicitude destas axudas remata o luns 6 de abril, é dicir, un prazo de oito días cun fin de semana polo medio.

 

-doutra banda, cómpre sinalar que este procedemento é coincidente tamén no tempo, cunha complexa e estraña avaliación, que terá lugar –sabendo do inédito e complicado da actual situación- con poucas garantías de servir a propósito ningún, dende un punto de vista da calidade do ensino público.

 

-chama a atención tamén que haxa que introducir parte dos datos no XADE (véxase o DNI, por exemplo), coma se non constasen na aplicación.

 4. Responsabilidade das direccións.

 

-por se fose pouco, moitos fogares galegos non dispoñen da CHAVE 365, co cal vai ser moi difícil que boa parte das familias que precisan esta axuda poidan tramitala nun prazo tan exiguo e é previsíbel en quen recaerá toda a responsabilidade do trámite e no caso de que non se acceda finalmente ás axudas, podendo optar a elas: nas direccións dos centros.

-agradecendo a intención, debemos sinalar o exiguo das contías da axuda: 2,50 euros por día o alumnado que tivese gratuidade total e 1,50 euros por día o alumnado que estivese pagando 1 euro. Resulta optimista imaxinar que así as cousas, a axuda poida merecer tal nome para as familias con máis dificultades económicas.

 

Froito deste proceder no seu conxunto, o STEG tivo constancia xa durante a fin de semana de ducias de protestas no Portal da Dirección da Consellería.

 

 

Dende o STEG solicitamos da Consellería e do goberno de Feijóo algo máis de responsabilidade, sentido común e cabeza fría á hora de emitir instrucións, ordes e circulares que o único que infunden e promoven é desemparo e inseguridade (non só emocional, tamén xurídica) nas traballadoras e traballadores do ensino público, nun momento crucial e difícil que, por iso mesmo, debe levarnos ao consenso na toma de decisións, evitando colisionar entre as institucións e enfrontando entre si os axentes da comunidade educativa.

-documento en pdf

                                  COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG

luns 30 de marzo de 2020

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza