STEG ó día · STEG opina

26-02-2013

Os recortes acumulados en educación poñen en perigo o futuro do alumnado

Orzamentos 2013

OS RECORTES ACUMULADOS EN EDUCACIÓN POÑEN EN PERIGO O FUTURO DO ALUMNADO

Desde que chegou ao poder, o PP reduciu un 11,8% os orzamentos en educación, dos cales o 6,6% se reflicten na asignación do 2013. En contra do que pretende transmitir o conselleiro Jesús Vázquez á sociedade, os recortes en educación non só se ceban nos salarios do funcionariado, senón que afectan a numerosas partidas fundamentais para a calidade educativa e para a equidade. Desde o STEG estamos lonxe de compartir a análise da titular de Facenda, Elena Muñoz, cando argumenta que se trata dos orzamentos “máis solidarios da historia” por adicar 8 de cada 10 euros a gasto social. Indigna ver como, logo de perverter o significado da palabra liberdade para atacar ao galego, se apropian tamén da noción de solidariedade para presentar propostas que se ceban nos sectores máis vulnerables da sociedade.

Que ten de solidario reducir as bolsas de axuda ao alumnado de FP para realizar as prácticas de formación en empresas nun 35% mentres se aumentan os concertos educativos na FP nun 6%? Acaso é unha mostra de solidariedade reducir ás axudas ás corporacións locais para loitar contra o abandono escolar nun 70% ao tempo que no ensino estes mesmos programas caen un 60%?

Son solidarios uns orzamentos que, aumentando un 2% as bolsas ao alumnado universitario se quedan aínda así a un 23% da contía destinada ao mesmo fin no ano 2009? Non debería ser unha partida absolutamente prioritaria no actual contexto de severa crise económica que se está levando por diante os alicerces mesmos da cohesión social? Comparar os cartos destinados pola Consellaría en axudas ao conxunto do alumnado universitario galego, apenas 3 millóns de euros, co custe dos concertos educativos aos cinco centros que en Galicia segregan ao alumnado por sexo, estimado en 3 millóns de euros a falta de datos públicos, é un exercicio que este goberno cualificaría sen dúbida de demagóxico. Porén, quen xustifica os recortes como inevitables e pretende demostrar que están feitos con criterios solidarios, debe ser quen de argumentar os motivos polos que destina a mesma cantidade de cartos para posibilitar a discriminación na educación de nenas e nenos duns centos de  familias de rendas altas que a garantir o dereito a estudos superiores de milleiros de alumnas e alumnos de rendas baixas.

É solidario reducir un 15,5% as axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar por non recoñecer que se equivocaron ao suprimir o préstamo universal instaurado polo anterior goberno? A “gratuidade solidaria” coa que denominan a esta partida é unha auténtica mostra de “insolidariedade gratuíta”, xa que os resultados son o mellor exemplo de como a consellería foi quen de “facer menos con máis”. Menos alumnado beneficiado no ano 2012 cun custe superior ao do ano 2009. O feito de que non rectifiquen e opten por mesmo recortar as subvencións para o 2013, é un exercicio de soberbia política que pagarán todas as familias do país do seu peto.

Mentres tanto, este ano os cartos destinados a reparacións e melloras nos centros públicos serán un 37% menos, o programa de formación e perfeccionamento do profesorado dun 27%, , as axudas ao alumnado para aprender idiomas estranxeiros cae un 66%, ao transporte escolar se lle adica un 4% menos que no 2009...

Se ben nestes exemplos –poderiamos seguir con moitos máis- hai partidas de diferente peso total sobre os orzamentos, todas comparten o mesmo destino de sufriren grandes recortes de dous díxitos mentres o ensino concertado, en total, sae deste descalabro que son para o ensino público os orzamentos do ano 2013 cunha redución global do 4%... Ademais de subvencionar principalmente ao ensino relixioso a través destes concertos, seguimos a destinar máis de 27 millóns de euros ao ano ao profesorado de relixión en Primaria e Secundaria, o mesmo que nos costan os comedores escolares de todo país...

Falar de solidariedade con estes datos na man resulta , simplemente, vergonzoso...

Está claro que non é o mesmo predicar que dar trigo..

Permanente do Secretariado Nacional do STEG
25 de febreiro de 2013

pdf co documento

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza