Fronte aos ataques aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística
APOIO AOS EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O STEG comeza unha campaña para deter as difamacións contra as nosas compañeiras e compañeiros
Fronte a estes ataques nos que se acusa aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e en especial á Coordinadora de equipos de utilizar os seus blogs e webs con obxectivos ideolóxicos, informamos que desde o STEG, ante a falla de apoio da Administración educativa, iniciamos ás seguintes accións:
1. Unha entrevista co Secretario Xeral de Política Lingüística para acordar que medidas se tomarán desde a Secretaría Xeral para visibilizar o esforzo dos EDNL a prol da dinamización da lingua galega, así como para saír en defensa dun colectivo do profesorado que, sendo persoal ao servizo da Consellería, está a ser obxecto dun claro ataque con motivos, esta vez si, ideolóxicos.
2. A esixencia dunha declaración pública do Conselleiro de recoñecemento do traballo a prol da lingua, así como a oferta de todo o seu apoio político e xurídico.
3. Mentres a Consellería non defenda ás súas traballadoras e traballadores, o STEG estudará a posíbel vía xurídica contra este ataque, organizado e difamatorio, do traballo das nosas compañeiras e os nosos compañeiros.
Para o STEG os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística están a cumprir unha tarefa necesaria e imprescindible nos centros educativos galegos, recoñecida por lei, e as persoas que os integran están a desenvolver as funcións que a lei lles ten encomendadas cunha recoñecida profesionalidade.