STEG ó día · STEG opina

11-12-2014

Resultados electorais definitivos

O escrutinio definitivo outórgalle ao STEG 13 delegadas/os nas Xuntas de Persoal, un menos dos necesarios para poder entrar en Mesa Sectorial

O escrutinio definitivo das eleccións sindicais do pasado día 4 de decembro déixanos, finalmente, un sabor agridoce.

En número total de votos e en porcentaxe, o STEG repite practicamente os mesmos resultados que obtivo en 2010: preto dos 2.000 votos e case un 10% de apoios. Cómpre ter presente, porén, que o censo estaba formado entón por algúns miles de profesores/as máis do que agora, o que lle outorga maior valor relativo ponderado ás cifras obtidas por STEG nesta ocasión. Neste sentido, non hai máis que reparar no feito de que o sindicato brillantemente vencedor destas eleccións perdeu máis votos netos no conxunto de Galiza que o propio STEG a respecto dos comicios de 2010...

Por outra banda, confírmase a presenza do STEG en todas e cada unha das Xuntas de Persoal provinciais (5 delegados/as por A Coruña, 4 por Pontevedra, 2 por Lugo e 2 por Ourense), mais tamén é certo que STEG ficará finalmente fóra da Mesa Sectorial de Educación, para a que era necesario ter obtido un mínimo de 14 delegados/as no conxunto de Galiza.

Estivemos, en realidade, a moi pouca marxe de obter un 5º delegado por Pontevedra, onde a suba en votos e porcentaxe é moi clara, e un 3º por Ourense: faltáronnos apenas dúas ducias de votos no primeiro caso e unicamente DOUS VOTOS no segundo para podermos estar celebrando un resultado de 15 delegados/as en total e ter así posto asegurado na Mesa Sectorial. As matemáticas electorais déixannos desta vez, infelizmente, co mel na punta dos labios...

Con todo e con iso, todas as persoas que formamos parte deste proxecto asumimos en todo o seu valor estes resultados, que confirman de xeito moi claro a consolidación do espazo do STEG no panorama sindical do ensino galego, revelan a súa solidez (fronte á relativa debacle experimentada por outras opcións concorrentes) e alentan, en definitiva, a necesidade de seguirmos reforzando e espallando a nosa alternativa, cada vez máis presente e coñecida entre o conxunto do profesorado.

 

Asumimos este resultado agridoce, polo tanto, con moita responsabilidade e co ánimo ergueito para o labor que agora comeza.

Moitas grazas a todas e todos polo esforzo feito e pola confianza que nos acabades de dar. Traballaremos desde hoxe mesmo para convertela en iniciativas, actividades e reivindicacións concretas a prol do ensino público galego.

 

 

Secretariado Nacional do STEG
10 de decembro de 2014

Datos definitivos

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza