Supresión ciclo IES de Curtis
A supresión do ciclo de Instalacións electrotécnicas no IES de Curtis amosa a vontade da Consellaría de desmantelar os servizos no rural e levar a mínimos a FP.
O STEG demanda á Consellaría que rectifique na súa decisión de suprimir o ciclo de Instalacións electrotécnicas en Curtis a pesares de superaren (9 solicitudes) o mínimo de solicitudes de matrícula, que é de 8, esixido no rural para manter o ciclo. A Consellaría escúsase na formalidade dos prazos, tantas veces incumpridos pola propia administración, para suprimir un ciclo que responde á demanda do alumnado. Con esta decisión, facilmente reversible aínda a estas alturas, a Consellaría amosa a vontade de recortar gastos aínda a costa de conculcar dereitos fundamentais. O discurso da liberdade e a igualdade de oportunidades do que tanto se gaba non o aplica cando se trata de garantir ao alumnado de contornas rurais o mesmo dereito a formarse que ao alumnado de contornas urbanas con maior oferta.
O profesorado mesmo se ofreceu a impartir máis horas das que obriga a lei para facilitar a súa impartición sendo esta alternativa non tida en conta pola dirección xeral de Ordenación educativa.
Ademais moitos dos alumnos e alumnas matriculados neste ciclo son doutras localidades (Santiago, Betanzos...) onde non puideron acceder por exceder o número de matriculados na súa localidade. Esta decisión incomprensíbel da Consellaría obriga ao alumnado, se quere cursar o ciclo, a desprazarse a centos de quilómetros da súa localidade.
Dende o STEG lembramos que esta supresión, que non cumpre os propios criterios fixados pola Consellaría, súmase á realizada a comezos deste curso con criterios que o STEG xa denunciou como inxustos para o conxunto do pais e especialmente graves para o rural.
Hoxe rexistramos a nosa demanda na Consellaría de educación coa esixencia de que se atenda a petición da comunidade educativa.