Inicio de curso
Non é doado lembrar un período tan breve dunha Consellería de educación con tantas accións polémicas que, na maioría dos casos, contaron co rexeitamento da comunidade educativa. Nos seus primeiros días, centra todo o esforzo da administración nunha campaña contra o galego no ensino cun custo para as arcas públicas equivalente ao salario de 10 profesoras/es, un intento de modificar os criterios de agrupamentos coa supresión de centos de unidades e profesorado, a eliminación do carácter universal da gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio, a imposición sen negociación da circular das EOIs, a concertación con tres millóns de euros para os colexios ultraconservadores que segregan por sexo, máis de 1000 millóns de euros para o ensino privado...
Todas estas actuacións levaron a un inicio do curso conflitivo que nada favorece á calidade do noso sistema educativo público.
FOLGA NAS EOIs
Inaugúrase o curso cunha folga nas EOIs para solicita a retirada da circular motivo do conflito, na que participou máis do 90% do profesorado afectado. Esta circular supón unha diminución na oferta educativa e na calidade do ensino que viñan impartindo estas escolas. Este conflito segue aberto mentres non rectifique a súa postura a Consellería.
REDUCIÓN DE PROFESORADO E ADXUDICACIÓN DE DESTINOS
Redución drástica do profesorado tanto en primaria como en secundaria ( 500 profesoras/es menos). Neste aspecto é alarmante que centros de profesoras e profesores que viñan traballando para a Consellería, mesmo desde hai máis de 20 anos, foron despedidos do seu traballo. Na adxudicación de destinos de secundaria case 500 profesoras e profesores foron despedidos do seu posto de traballo. Ademais a adxudicación de destinos foi tan desastrosa que deixou a máis de 40 funcionarios sen destino, nomeou a dous en moitas ocasións para a mesma praza, vacantes que desapareceron despois de ser nomeada para ese posto....
Ademais esta redución supón un ataque á calidade do ensino e á atención á diversidade: diminución de máis de 100 profesoras/es de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe privando da atención que precisa este alumnado. Mesmo hai mestras de audición e linguaxe que teñan que ir a cinco centros e atender a 15 rapazas e rapaces (a Consellería publicitou que non atendería a máis de 5).
CONCERTOS EDUCATIVOS
O desvío de cartos públicos para o ensino privado ( 1000 millóns de euros) semella que vai ser unha prioridade deste goberno mentres ao mesmo tempo toma medidas contra a calidade do ensino público como a redución do profesorado. Exemplo desta política é a decisión (política) de malgastar tres millóns de euros par aos colexios do opus que segregan por sexo.
DECRETO DE GALEGO
Previsiblemente o novo Decreto de galego vai a xerar polémica na medida en que as actuacións e declaracións da Consellería seguen a política marcada por grupos de presión minoritarios galegofóbicos e lingüicidas. É moi probábel, se pensamos no que se leva feito, que se converta noutra fronte de conflito.
¿ ATENCIÓN Á DIVERSIDADE?: AULAS DE CASTIGO
O PP no seu programa electoral definía a escola galega como “campo de batalla”. Para o STEG este discurso está lonxe da realidade co interese de desviar a atención e agochar que a administración non cumpre coa súa responsabilidade: dotar de profesorado especialista a aqueles centros con necesidades educativas debido, na maioría dos casos, ao seu entorno socioeconómico.
Desapareceu o programa de Integración de etnia xitana que ocupaba a 29 profesoras e profesores de educación primaria.
LIBROS DE TEXTO
O cambio na gratuidade universal dos libros de texto ademais de cargar ás direccións de traballo administrativo impedindo realizar as súas tarefas propias que son as educativas, elimina dereitos que xa consolidados. Neste sentido o STEG apoia as demandas e queixas das direccións dos centros que teñen que asumir unha carga de traballo en detrimento do labor docente.
Desde o STEG demandamos un cambio na política educativa desta Consellería para que teña como prioridade a calidade do ensino público que implica a dotación do profesorado.
SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
Galiza setembro de 2009
Documento en versión para imprimir (pdf)