07-05-2010 Un pacto contra a escola pública
Pacto social e político pola educación
O documento presentado o pasado 22 de abril polo ministro Gabilondo como texto final para un “Pacto social e político pola Educación”, afonda nas medidas máis regresivas e contrarias á escola pública, o que finalmente nos impediría apoiar o Pacto. Cómpre, xa que logo, en primeiro lugar, deixar constancia dos nosos esforzos para mellorar o borrador que se deu a coñecer hai uns meses; en segundo lugar, cómpre facer unha análise pormenorizada do Pacto por obxectivos, pondo de relevo as eivas e salientando as ausencias.
Con respecto ao primeiro obxectivo: “
O éxito educativo do alumnado”, obsérvanse algúns acertos, pero o seu tratamento parécenos ambiguo ao non observarse un apoio decidido á creación dunha rede pública de escolas infantís no ciclo 0-3; tampouco se observan medidas destinadas a rebaixar as ratios en todas as etapas educativas; non se fai ningunha referencia específica ás necesidades reais da docencia de calidade (desdobres, dotación de medios para a didáctica das materias máis experimentais e para as lingüísticas, a dotación xeralizada de profesorado de apoio...), simplemente vaguidades.
Así mesmo, no ámbito máis concretamente pedagóxico, o Pacto propón medidas segregadoras ao formular dous camiños pechados –segregados- en cuarto da ESO e mesmo permite que sen ter aprobado segundo da ESO se pase a un Programa de cualificación profesional inicial (PCPI). Trátase de medidas que estaban na LOCE –a derrogada lei aprobada en tempos do goberno Aznar-, e que no seu momento foron moi criticadas.
Máis sorprendente é a ausencia de referencias no texto ao impulso de actuacións específicas para compensar a desigualdade real que existe entre as distintas linguas oficiais existentes nos territorios con linguas propias; neste sentido, o texto quédase na vaguidade de propor o impulso de actuacións referidas á lingua castelá e, se a houbese, á lingua cooficial, o que sabemos que implica afondar no desequilibrio lingüístico.
Neste sentido, o Pacto, máis que propor medidas que melloren a calidade do ensino, ten un obxectivo ben distinto: flexibilizar a ensinanza para facilitar a obtención de titulacións. O que se corresponde coa ausencia de compromiso coa financiación: vólvese á vaguidade da formulación “a dotación orzamentaria achegarse á porcentaxe do PIB dos países do contorno europeo”, sen fixar o obxectivo do 7 %, unha reivindicación de toda a Comunidade Educativa expresada nos informes do Consello Escolar do Estado.
Tampouco mellora a análise ao considerar o segundo obxectivo: “
Equidade e excelencia. A avaliación como factor para mellorar a calidade da educación”. Así, fronte á vaguidade das medidas concretas que se deberían implementar para mellorar a calidade do ensino, o texto propón, paradoxalmente, medidas moi concretas para chegar á excelencia educativa por medio da avaliación de calidade externa. Neste sentido, establécense unha serie de probas externas de avaliación diagnóstica do alumnado, ao rematar 4º de primaria e 2º de ESO, e en 6º de primaria e 4º da ESO proponse outra nova avaliación xeral, ademais da participación nas avaliacións internacionais.
Aínda que non é este o momento de analizar a conveniencia deste tipo de avaliacións –en principio, positivas-, si é o momento de alertar dos seus perigos, derivados dun uso abusivo dos resultados. Neste sentido, non debemos esquecer que as avaliacións diagnósticas se presentan como un índice para valorar a calidade sen considerar factores relevantes do sistema educativo, como son a propia estrutura do sistema, os contidos excesivos ou a súa elevada fragmentación...
O terceiro obxectivo: “
Flexibilidade do sistema educativo. Estudos postobrigatorios. Formación e emprego”. Evidentemente dende o STEG compartimos a necesidade de que exista unha oferta suficiente de estudos postobrigatorios para toda a poboación, do mesmo xeito que defendemos que a educación é un ben social que temos que fomentar; non obstante, non aceptamos que os estudos postobrigatorios estean centrados exclusivamente no mercado laboral: os estudos postobrigatorios tamén deben servir para completar a formación da personalidade do estudante, que lle proporcione ferramentas para a súa vida como cidadán ou cidadá, non só como traballador ou traballadora. Non é casual que este obxectivo enlace co cuarto: “
A Formación Profesional como instrumento clave para avanzar cara a un novo modelo de crecemento económico”; neste obxectivo atopamos máis definido o obxectivo de flexibilizar e mercantilizar a educación, pois se recoñecen medidas encamiñadas a incrementar o número de persoas tituladas, a través da acreditación das competencias adquiridas por outras vías.
Evidentemente, os obxectivos quinto ("
Nuevas formas de enseñar y aprender: El papel de las TIC") e sexto ("
Plurilingüismo. Impulso al aprendizaje de Idiomas") son necesarios, pero como todo o texto, quédanse en vaguidades e unha poucas propostas, moitas delas, por certo, xa en marcha.
O obxectivo sétimo: “
A Educación como ben de interese público e dereito de toda a sociedade”, constitúe o principal ataque contra a escola pública ao equiparar os centros privados concertados cos centros públicos. O enunciado programático sinala textualmente: “conseguir que todos os centros sostidos con fondos públicos, os públicos e os privados concertados, garantan un servizo educativo de calidade, sen discriminación algunha, con autonomía de funcionamento, cos medios necesarios para atender a todo o alumnado e con equipos de dirección coa máxima profesionalización”. Neste sentido, son verdadeiramente alarmantes algunhas das propostas recollidas no Pacto: reforzar a fragmentación e o desequilibrio do sistema educativo ao equiparar dúas redes contraditorias nos termos (a privada concertada e a pública); segunda, favorecer a liberdade de elección de centros; terceira, dotar aos centros privados concertados –que se xestionan privadamente-, dos mesmos recursos que os centros públicos; cuarta, pór en mans das direccións dos centros a capacidade de seleccionar ou mesmo contratar directamente ao profesorado, algo semellante ao que recolle a Llei d’Educaciò de Catalunya... Dende o STEG temos que alertar da repercusión, ben visible dende hai uns anos, desta duplicidade de redes, que non é outra que a degradación da rede pública: primeiro, como consecuencia da concentración de alumnado con maiores dificultades educativas e problemáticas sociais nos centros da rede pública, unha tendencia sancionada polo pacto proposto polo ministro de Educación, pois garante a revisión dos procesos de escolarización para dar cabida ás esixencias da patronal do ensino privado; segundo, como consecuencia da perda de recursos económicos desviados sistematicamente a centros que gozan dunha ampla autonomía organizativa e de xestión a respecto das administracións públicas.
Daquela, fronte a estas propostas elitizadoras e disgregadoras do ensino, dende o STEG defendemos que o Pacto asuma o compromiso de toda a sociedade coa ensinanza pública, recoñecéndoa como eixe vertebrador do sistema educativo do Estado, para iso o Pacto pola Educación debería recoller como principios fundamentais: primeiro, recoñecer a laicidade do ensino; segundo, potenciar a democratización da xestión dos centros educativos e a participación da comunidade educativa; recoñecer a diversidade e a pluralidade lingüística e cultural da poboación escolar, incluíndo á poboación inmigrante...
En canto as propostas recollidas no oitavo obxectivo (“
Profesorado: recoñecemento profesional e social do docente”) entendemos que o recoñecemento social e profesional do profesorado non pasa pola xerarquización nin pola carreira meritocrática, como se recolle no Estatuto Docente que no seu momento rexeitamos a maioría das forzas sindicais e que agora é asumido ao estar integrado nun Pacto que subscriben; senón pola mellora das condicións laborais nas que o profesorado exerce a súa función docente: redución da ratio; descarga progresiva de horas lectivas a partir dos 55 anos; acabar co carácter voluntarista das actividades do profesorado realizadas fóra do horario escolar; dotar aos centros de persoal e material... Así mesmo, consideramos que a xubilación anticipada é un dereito adquirido que cómpre consolidar, non unha moeda de cambio que se ofrece a cambio do Estatuto Docente.
Finalmente, cómpre criticar á ambigüidade da proposta incluisva declarada no obxectivo duodécimo: “
Educación inclusiva, diversidade e interculturalidade: dereito á diferenza sen diferenza de dereitos”, non podemos aceptar que se quede nunha simple proposta de incluír ao alumnado con necesidades educativas especiais na escola; a escola inclusiva implica cambios metodolóxicos e organizativos importantes para dar resposta ás necesidades dese alumnado.
En fin, o Pacto agora proposto significa o abandono definitivo do esforzo realizado nos últimos trinta anos no ámbito do ensino público e supón unha clara renuncia dos principios inherentes á escola pública, democrática, igualitaria, inclusiva e de calidade para todas e para todos fronte aos principios propios da dereita e do capital, que antes que unha cidadanía crítica capaz de elaborar xuízos de valor independentes prefiren traballadoras e traballadores dóciles.
Secretariado Nacional do STEG
maio 2010
Documento definitivo do pacto educativo
Documento en pdf para imprimir