STEG ó día · STEG opina

14-02-2014

Un sindicato sen ataduras, honesto e transparente

Finanzas do STEG

UN SINDICATO SEN ATADURAS, HONESTO E TRANSPARENTE NAS FINANZAS

Non é ningún secreto que existe unha campaña de desprestixio xeralizado contra as organizacións sindicais axitada periodicamente por certos sectores políticos e mediáticos que gostarían de que as traballadoras e traballadores, carecendo de sólidas ferramentas de autoorganización, fosen aínda máis vulnerábeis fronte ás ofensivas de recortes nos seus dereitos e de degradación nos seus salarios e condicións laborais. Diríase que estar afiliada/o a un sindicato ou desempeñar nel calquera responsabilidade, convértenos automaticamente en persoas sospeitosas de malversación de subvencións públicas, corrupción, privilexios...

Tampouco se pode negar que, de cando en cando, acusacións de mala xestión económica ou de comisión de fraude na xestión das subvencións públicas se formulan contra determinadas organizacións sindicais. Non é o caso do STEG.

A sociedade galega no seu conxunto e a propia afiliación ten todo o dereito a coñecer a procedencia e o destino dos cartos que xestionamos para a realización das nosas actividades e funcións sindicais. Esta é a razón de facermos público este documento, no que explicitamos o peso de cada unha das partidas no conxunto total do noso orzamento.
No corrente curso 2013-2014, o capítulo de ingresos explícase así:
  • Os ingresos en concepto de “axudas ás centrais sindicais” por parte da Consellaría de Traballo representan o 0,9% do total do orzamento do STEG.
  • Os ingresos por axudas procedentes da Confederación sindical á que pertencemos (STEs-i) representan o 3,3% do total.
  • Os ingresos por realizar actividades de formación, o que poida recabar a Secretaría da Muller e outros ingresos imprevistos (lotaría, venda de camisetas e similares...) alcanzarían un 4,8%.
  • Os ingresos por cotas da afiliación representan o 91% do total.
No capítulo de gastos, pola súa vez, cómpre salientar que
  • A nosa acción sindical (visitas a centros, participación en plataformas, campañas, publicacións, cartelaría, páxina web, etc.) leva o 19% do gasto.
  • A asesoría xurídica supón o 12%.
  • As xuntanzas orgánicas do STEG e os gastos relacionados coa pertenza e participación na Confederación de STEs-i implican o 14,2%.
  • Os labores e actividades da Secretaría da Muller absorben o 5,4% do total de gasto.
  • As actividades de formación e os imprevistos, o 4,2%.
  • Os gastos correntes de aluguer das nosas sedes, teléfono, infraestruturas e oficina supoñen o 44,5% do total.
  • Por último, dedicamos o 0,7% dos nosos ingresos a proxectos de solidariedade.
Como se ve, unha alta porcentaxe dos gastos temos que adicala ao alugamento dos locais onde emprestamos asistencia á afiliación e traballan as persoas liberadas do sindicato (6 no presente curso, para toda Galiza). Outras OO.SS., por dereitos históricos adquiridos, non teñen que afrontar este gasto, xa que utilizan locais cedidos pola Administración.

Dúas das partidas das que máis orgullosas e orgullosos nos sentimos, porque son por así dicilo o mellor escaparate económico do noso modelo sindical, son:
  1. A porcentaxe que provén directamente das cotas da afiliación (nada máis e nada menos que o 91%), o que nos libera de calquera hipoteca, real ou metafórica e nos permíte a total independencia económica e política para tomarmos as decisións que consideremos oportunas en cada momento.
  2. A que adicamos, o 0,7%, para proxectos de solidariedade. Esta é unha partida que incorporamos hai algúns anos e que seguimos mantendo a pesar da crise, pois entendémola como un deber ético e político para con aquelas persoas, pobos ou sectores sociais máis desprotexidos, en calquera latitude.
Secretariado Nacional do STEG
Febreiro 2014

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza