Antes de entrar a analizar a oferta que nos acaba de presentar a Consellería, queremos denunciar precisamente a forma en que se lle dá traslado ás organizacións sindicais, con présas e sen marxe para negociación ningunha ou obxecións nun ou noutro sentido, práctica doutro lado xa habitual por parte do actual goberno da Xunta.
- primeira, as OOSS, en tanto que representantes legais do profesorado e defensoras dos seus lexítimos intereses, deberiamos coñecer a OEP que vai realizar a Consellería antes de que esta a difunda a través dos medios de comunicación e das filtracións interesadas (véxase tamén, na mesma liña, o tema da orde de permisos e de vacacións publicado en diversos medios durante o Nadal)
- segunda, tampouco nos parece razoábel que se nos entregue practicamente no momento da súa publicación, sen tempo para poder estudala e contrastala coas necesidades reais dos centros e da sociedade, o que reflicte o pouco interese negociador que ten esta Consellería;
- terceiro, a tardanza en facer pública a OPE é significativa da falta de sensibilidade que esta Administración ten coas persoas que están a preparar unhas oposicións.
Daquela, dito isto, a respecto da oferta que se nos presenta cómpre salientar que é unha oferta insuficiente. As razóns -e non nos imos estender na súa exposición-, son:
- é escasa en primaria, por debaixo do que se puido ter ofertado.
- é máis ben anecdótica, especialmente en secundaria, nos que se puido facer unha oferta que atenda as necesidades reais que xorden nos centros e nas súas contornas sociais.
Así mesmo, o STEG entende que a Consellería ten que velar pola calidade do ensino público, o que non se acadará só con investimentos tecnolóxicos –Abalar- ou coas reformas lexislativas promulgadas ás présas; cómpre, en primeiro lugar, realizar un importante investimento en persoal: dotar de máis profesorado aos centros e ademais, é unha necesidade de primeira orde.
Dito isto, ao mesmo tempo debemos recoñecer que non aceptariamos ofertas simbólicas e ridículas en boa parte das especialidades. Nesta liña, consideramos que estamos ante un ataque ao ensino público que non é nada casual; ao revés, ten motivacións políticas evidentes, pois coincide co máis que probado apoio que esta Administración outorga aos centros concertados dende a súa chegada á Xunta.
Dende o STEG defendemos outro modelo de OEP, pensada con criterios de calidade, o que quere dicir, unha oferta que teña como obxectivos:
a redución das ratios e a posibilidade de crear desdobres en todas as especialidades que así o esixan;
- a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativas, sexan NEEs, alumnado con altas capacidades intelectuais ou alumnado que se incorpora tardiamente ao noso sistema educativo –normalmente inmigrantes-;
- a creación de especialidades nas que haxa unha demanda social real…
Neste sentido, queremos denunciar, de novo, o dano que o apoio ao ensino concertado está a provocar ao sistema público de ensino galego, que é o único que garante a igualdade de dereitos do alumnado, incluído o dereito a un acceso en igualdade de condicións.
Obviamente, sabemos que esta oferta implica a creación de novos postos de traballo e, xa que logo, a creación de novas prazas de profesorado, pero iso é o que desexamos para mellorar a calidade do sistema público de ensino na Galiza.
Por outra banda, o STEG analiza a presente oferta de acordo coas liñas de acción sindical que ten fixadas en materia de emprego público, polo que botamos en falta:
- un número moito maior de prazas, posto que malia que en teoría houbo nesta ocasión unha taxa de reposición do 100% das xubilacións, segue a ser moi insuficiente se temos en conta que levamos varios anos cunha taxa de reposición do 10%, o que se podería considerar un ERE EDUCATIVO.
- mantemento da calidade alcanzada en canto a atención ao alumnado, que foi degradada sistematicamente dende a chegada á Xunta do goberno do PP, coa eliminación de dous mil postos de traballo que esta OEP non vai solucionar.
Permanente do Secretariado Nacional de STEG