STEG ó día · STEG opina

14-11-2013

Valoración do STEG

Sentenza do caso ´Prestige´

VALORACIÓN DO STEG SOBRE A SENTENZA DO CASO PRESTIGE

 

 

O STEG non pode máis que sumarse á enorme cantidade de persoas, colectivos, movementos sociais, organizacións sindicais, asociacións culturais e entidades de todo tipo que, tanto na Galiza como no resto do Estado español, de Europa e do mundo, solidariamente, se sinten disconformes, defraudadas e indignadas coa sentenza xudiciaria do “caso Prestige”.

 

 


A catástrofe que azoutou hai agora once longos anos o noso mar constitúe, por moito que a sentenza ditada queira estabelecer unha especie de “indulto político” para os seus causantes e responsábeis, un dos maiores delitos ecolóxicos que se teñen perpetrado contra a nosa Terra (77.000 toneladas de fuel verquidas sobre o medio mariño) e tamén unha das máis palmarias probas da mentira, da incompetencia e da prepotencia como formas de (mal) goberno. Por iso mesmo, a despeito do contido concreto da sentenza coñecida este 13 de novembro de 2013, a catástrofe seguirá gravada por sempre na nosa memoria colectiva, como o seguirán os nomes e as siglas culpábeis.

Hoxe denunciamos a irresponsabilidade que esta sentenza vén consagrar como principio valedeiro no ámbito da xustiza en asuntos medioambientais, porque abre infelizmente a porta para que a decepción se poida repetir en futuros xuízos sobre impredecíbeis catástrofes provocadas pola mesma cobiza e pola mesma incompetencia que as que inundaron de chapapote as nosas vidas hai agora once longos anos.

Hoxe denunciamos que se queira converter ao pobo galego, por partida dobre, ecolóxica e económica, no único pagano desta catástrofe. Hoxe protestamos pola labazada que o sistema xudiciario propina, once anos despois, no rostro de tantas e tantas persoas que, de maneira xenerosa, solidaria e libre estiveron días e noites loitando contra a marea negra.

Coa mesma forza e intensidade que caracterizou a nosa participación no amplo movemento de unión e solidariedade que a catástrofe xerou como resposta, encarnado no Nunca Máis que resoou en todo o planeta, o STEG denuncia que agora se ditou, efectivamente, unha sentenza, mais que en ningún caso se fixo Xustiza.

 

 

Galiza, 14 de novembro de 2013

 

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza