Xa nos chegaron unha morea de emails do profesorado do ensino público galego pedíndolle ao Conselleiro VOLVER XA o vindeiro curso ás 18 horas lectivas en Secundaria. Somos a ÚNICA comunidade do estado español que permanece con 20 horas lectivas.
Queremos xuntar tódolos emails e entregarllos en man ao Señor Román, polo que animamos ao profesorado galego que aínda non o fixo a adicarlle un minuto e mandar un email esixíndolle recuperar as condicións laborais perdidas despois dos recortes pola crise económica do 2012 e que xa teñen recuperadas en tódalas demais comunidades. Tamén reclamamos recuperar ás 21 horas lectivas en Primaria que se acadaron nun acordo sindical en 2007 e que se perderon no 2011.
Acadar a reclamación da redución horaria lectiva implicaría unha mellora na calidade do ensino público por ter máis tempo para a elaboración de materiais e preparación das clases, para atender as problemáticas dun alumnado con cada vez máis necesidades educativas específicas, na mellora na atención ás familias e nas tarefas da titoría, para ter tempo para facer reunións e cubrir as gardas axeitadamente, para poder xestionar unha crecente e asfixiante carga burocrática que nos esixe a Consellería. En definitiva, para poder facer mellor o noso traballo.
Lembrámosche como tes que mandar o email:
EMAIL DO CONSELLEIRO: conselleiro.educacion.ciencia@xunta.gal
COPIA DO EMAIL: comunicacion@steg.gal (para recompilar no STEG o número de reclamacións)
ASUNTO: 18 HORAS XA!
CORPO DO EMAIL:
Sr. Conselleiro:
EXPOÑO:
O pasado 20 de marzo as organizacións sindicais madrileñas asinaban un acordo co departamento de educación da comunidade para reducir a carga lectiva do profesorado de secundaria a 19 horas no curso 25/26, que se converteran nas 18 previas á crise no curso seguinte. Con este acordo Galiza pasa a ser a única comunidade autónoma que mantén as 20 horas lectivas impostas polo goberno central a través do Real Decreto-lei 14/2012 de 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo. En 2019 esta medida foi derrogada e as administracións autonómicas recuperaron oficialmente a competencia para negociar, coas forzas sindicais con representación nos seus territorios, a restitución das xornadas lectivas acordadas antes da crise.
Mais a Consellaría de Educación decidiu ollar para outro lado, e cómoda coa situación que supuña, na práctica, a redución de contratos de profesorado de secundaria, negouse sistematicamente a asumir as súas competencias e devolver ao profesorado galego os seus dereitos en materia de horario lectivo.
Nesta situación, non podemos ficar de brazos cruzados e debemos esixir que nos devolvan o roubado. En Euskadi e Castela e León conseguiron xa as 17 horas lectivas; no resto das comunidades do Estado recuperaron xa as 18. Galiza non pode quedar atrás.
Recuperando a carga lectiva anterior á chegada de Feijóo á Xunta (tanto en primaria como en secundaria) permitiranos facer mellor o noso traballo, atender mellor á diversidade das aulas e contratar máis persoal docente. Román, non queremos máis pantallas nin trebellos tecnolóxicos. Queremos que nos devolvan o tempo roubado.
SOLICITO:
Eu (nome e apelidos) con DNI (número e letra), como docente do ensino público galego, reclamo a volta ás 18 horas lectivas no Corpo de Secundaria e a volta ás 21 horas lectivas no Corpo de Primaria para o curso 25/26.
Un saúdo.