12-06-2013 ´Neste País sobran universitarios´: Wert dixit
Taxas Universitarias e Becas
“NESTE PAÍS SOBRAN UNIVERSITARIOS”, WERT DIXIT…
…nada máis chegar ao cargo de Ministro de Educación, e con tanto aquel colleu o tema que en breve rematará co problema.
A noticia saía hai uns días na prensa nacional: Máis de mil universitarios galegos poden ser expulsados por impago. A Coruña e Vigo aproban fondos para axudalos e Santiago xa non ten recursos.
Aínda que o goberno de Feijoo non subiu as taxas universitarias en primeira matrícula, o aumento dos prezos das seguintes convocatorias, o endurecimento dos requisitos das becas do Ministerio de Educación este curso e a difícil situación pola que pasan moitas familias, elevaron os impagos de matrícula nas tres universidades. Na actualidade afecta a máis dun milleiro de alumnas e alumnos que se verán obrigados a abandonar os seus estudos xa que para poder matricularse no seguinte curso é necesario non ter pagos atrasados.
As universidades de todo o Estado están facendo moitos esforzos por intentar axudar ás persoas que se atopan nesta situación. Unhas están creando fondos sociais de axuda, outras crean novos programas de becas… medidas que se ben teñen moi boa intención, non deixan de ser parches que poñemos onde os dereitos non chegan. O problema é matemático: o alumnado universitario está pagando neste curso unha media do 38% máis que o curso anterior polas súas matrículas; e conceptual: os recortes que se están facendo na educación pública son un brutal ataque ao dereito constitucional á educación e a igualdade de oportunidades ao acceso a esa educación.
O novo proxecto de Decreto que saca agora o ministerio para estudos postobrigatorios e superiores (
pincha aquí), suprime as actuais modalidades de becas e engloba todas as axudas en dous novos supostos de contía fixa: 1.500 euros para as becas ligadas á renda e 1.500 euros para as ligadas á residencia fóra do domicilio habitual. Deste xeito, como máximo un alumno ou alumna podería recibir 3.000 euros sumando ambos conceptos, cando as becas salario actuais oscilan entre os 3.800 e os 6.000 euros.
Educación introduce unha nova contía variable en función do rendemento académico: no caso de alumnado de novo ingreso na Universidade elévase de 5,5 a 6,5 a nota media esixida para lograr unha beca, mentres que a nota requirida para lograr unha beca no máster sitúase no 7. No bacharelato a nota esixida será un 6 e non se concederán becas no primeiro curso ao alumnado que estea repetindo total ou parcialmente curso.
No caso dos alumnos e alumnas que queiran renovar a súa beca universitaria esixirase aprobar o 100% dos créditos nos que se matricularon, salvo en ensinos técnicos que se pedirá aprobar o 85%. Quen mellores notas saque obterá máis diñeiro en becas. O mínimo establecido é de 60 euros, pero o proxecto de Decreto non sinala ningún máximo, trátase de incentivar o esforzo académico.
Desaparecen as becas de desprazamento para aquel alumnado que a diario debe trasladarse a estudar a outra poboación fóra do seu lugar habitual de residencia. Quen queira lograr unha beca de residencia terá que acreditar "a necesidade" de vivir fóra de casa, en función da distancia ao seu centro de estudos, os horarios lectivos e os medios de transporte dispoñibles.
Con este novo decreto serán moitas máis as alumnas e os alumnos que quedarán fóra da educación superior. As becas elimínanse de facto como un dereito e substitúense por un criterio de mera concorrencia competitiva no que está claro que os máis desfavorecidos serán os máis prexudicados.
E a finalidade está clara tendo en conta o que Wert afirmara ao pouco de tomar posesión do seu cargo como ministro, que neste país sobraban universitarios (e supoñemos que universitarias tamén…). Con esta premisa as medidas impostas por Wert para logralo foron vindo unha tras outra: incremento das taxas de matrícula, recortes nas becas, endurecemento das condicións para conseguilas…
A estas trabas haberá que sumarlle os obstáculos que previamente e en forma de reválidas incorporará a LOMCE ao sistema educativo.
OBXECTIVO CUMPRIDO, SR. WERT…
Secretariado Nacional do STEG
xuño de 2013