STEG ó día · Campañas · Docentes con Palestina

Mobilización nos centros educativos por Palestina

Mobilización nos centros educativos por Palestina

12 de abril

Hai uns meses o STEG organizou un encontro sobre o xenocidio sionista da poboación palestina, no que participou Sami Ashourm presidente da Fundación Jenin.  Neste encontro naceu un grupo de traballo chamado Docentes con Palestina, no que participan persoas de diferentes sensibilidades. Ese grupo, do que formamos parte non poucas persoas do STEG, chama a unha mobilización nos centros educativos o 12 de abril ás 12:00h na que se dará lectura a un manifesto conxunto.

Pensamos que é un momento propicio para falar coas crianzas da necesidade de poñer fin ao xenocidio, da necesidade da paz e da solidariedade internacional. A comunidade educativa non pode permaner impasible ante o masacre da poboación civil que está tendo lugar en Palestina. Para mostrar o noso rexeitamento propoñemos difundir mediante as nosas redes sociais e contactos con todos os centros de Galiza, España e Europa a seguinte iniciativa, que terá lugar o 12 de abril ás 12:00:

  • Concentración do alumnado e profesorado do centro escolar, instituto ou facultade universitaria, no lugar máis visible posible para amosar con carteis e/ou bandeiras palestinas que se PARE O MASACRE EN PALESTINA!.
  • Lectura do manifesto. Ou texto contra a masacre que se elabore nos propios centros.
  • Rexistrar con fotografías o acto e colocar os cancelos #estapasandoagora, #oensinogalegoconpalestina e #palestina nas publicacións nas RRSS. Se podedes enviar unha fotografía co nome do centro ao correo docentesconpalestina.gz@gmail.com mellor, para poder difundir a iniciativa.

DENDE O RÍO ATA O MAR, PALESTINA VENCERÁ!

 

Enlace ao cartaz

Proposta de manifesto para a súa lectura:

Está pasando agora, mentres lemos estas palabras, mentres andamos polos corredores do noso centro, mentres o alumnado estuda e aprende, mentres o profesorado explica a materia. Está pasando agora, mentres saímos de clase, subimos e baixamos do autobús camiño das nosas casas. Esta pasando agora.

Non fai falta ir aos libros de Historia, nestes momentos Palestina sofre un ataque continuo en forma de xenocidio por parte das tropas ocupantes de Israel. No mes de abril de 2024 superan amplamente as 32.000 persoas mortas, masacradas. Case 80.000 as feridas. 1,7 millóns de persoas desprazadas dos seus fogares. Casas, hospitais, escolas destruídas de forma sistemática e planificada. En cinco meses de guerra morreron máis nenos e nenas que no conxunto de todas as guerras do mundo dos últimos catro anos.

A comunidade escolar temos a obriga de actuar fronte á barbarie e actuar como o que somos, parte da sociedade civil, para presionar os nosos gobernos co fin de parar este xenocidio. A LOMLOE, no seu primeiro artigo, afirma como un dos nosos principios “a transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza”. O silencio, a equidistancia, ignorar o que está a suceder en Gaza é incompatible coa solidariedade, a xustiza e a cidadanía democrática.

Esa mesma lei comprométenos a velar polo cumprimento da Convención sobre os Dereitos das Crianzas adoptada polas Nacións Unidas. Esa mesma convención, no seu artigo 6, afirma que “toda crianza ten o dereito intrínseco á vida”. A vida de todas as crianzas, tamén as palestinas.

Hiba Kamal Abu Nada foi unha poeta novelista, bioquímica e activista feminista de nacionalidade palestina, nacida na Meca o 24 de xuño de 1991. Morreu o venres 20 de outubro de 2023 á idade de 32 anos na súa casa de Jan Yunis, na franxa de Gaza, por mor dun bombardeo por parte das forzas israelís.

Un día antes de morrer escribiu o seu derradeiro poema

A noite na cidade é escura,
excepto polo brillo dos mísiles;
silenciosa, excepto polo balbordo do bombardeo; aterradora, excepto pola promesa tranquilizadora da oración; negra, excepto pola luz dos mártires.
Boas noites.

Con este acto simbólico, queremos mostrar que Gaza somos todas e todos. A súa dor é a nosa, a súa esperanza, é o noso compromiso e solidariedade co pobo palestino.

Desde o (nome do centro)
denunciamos o xenocidio que se está a cometer contra o pobo palestino
esiximos un cese inmediato do fogo en Palestina
esiximos a apertura dos pasos fronteirizos para a libre circulación de axuda humanitaria. En mostra de solidariedade enarborarase unha bandeira palestina na entrada do centro.

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza