A Xunta de Galiza ven sometendo, dese hai anos, ao profesorado colaborador a unhas condicións laborais precarias que non se lle poderían permitir a ningunha empresa pero que raian no “delirante” cando se trata de unha empresa de titularidade pública.
Aos contratos de servizos que asina este colectivo sen ser dadas e dados de alta e nos que non se cotiza por eles na Seguridade Social, hailles que sumar a condición de “ser demandantes de emprego” polo que non poden estar a desempeñar outro traballo pasando así dunha situación de desemprego a unha situación de precariedade xa que, debido aos recortes que Política Lingüística está levando a cabo en todo o que sexa a prol da nosa lingua e identidade cultural, este profesorado traballa de media ao ano 70 horas (un curso).
Esta figura de profesorado colaborador non ten dereito a baixas e ao non poder darse de alta como autónomos por non poder pertencer ao réxime da Seguridade Social, tampouco terían dereito a ningunha retribución en caso de substitución por incapacidade temporal. O que lles toca cando este feito se produce, é ser substituídas ou substituídos por outro “colaborador ou colaboradora” e quedar sen cobrar a parte do curso que non puideron impartir.
Hai que lembrar que se trata de cursos que teñen a función de contribuír á dignificación da identidade cultural e lingüística do noso país e da nosa lingua polo que non estaría de máis que se comezase pola dignificación do profesorado que os imparte.
O STEG denuncia este xeito de contratación e esixe sexan revisadas as condicións socio laborais de este colectivo que engloba a máis de 300 profesionais ao tempo que solicita a creación dun equipo docente estable baseado na obxectividade da contratación que garanta a igualdade de oportunidades, a transparencia na contratación, o aproveitamento dos recursos públicos e a mellora da calidade do ensino.
Para ver as reivindicacións do profesorado colaborados dos cursos CELGA e linguaxes específicas pulsa
aquí.