O STEG denuncia o seu carácter segregador, recentralizador, elitista...
Contrarreforma educativa
O STEG DENUNCIA QUE A CONTRARREFORMA EDUCATIVA DO PP PRETENDE UN SISTEMA EDUCATIVO SEGREGADOR 
O Ministro Wert acaba de presentar o anteproxecto de modificación da Lei Orgánica de Educación.   Para o STEG este documento contempla unha contrarreforma en toda regra   do actual sistema educativo, pretendendo unha educación segregadora,   elitista, adoutrinadora, antidemocrática, recentralizadora..., buscando  en  definitiva un sistema educativo máis propio do franquismo que dunha   sociedade moderna e plural que quere un ensino público de calidade,   integrador, equitativo, laico, e para todas e todos. 
Menos profesorado, máis adoutrinamiento ideolóxico e   máis segregación do alumnado son as claves da reforma educativa que se   propón levar adiante o ministro de Educación.
O ministro Wert proponse pór en marcha unha autentica contrarreforma   educativa que, por unha banda, suporá a lexitimación dunha política de   recortes e, por outro, a reinstauración dun modelo ideolóxico de escola   sesgado, clasista e segregador.
A contrarreforma proponse recortar as competencias das CCAA en  materia educativa ao aumentar a porcentaxe dos contidos  mínimos que  fixa o Estado en todos os tramos educativos. Este deseño  centralizador  vai na liña recentralitzadora do Estado que promoven  certos grupos da  dereita, tomando como escusa a crise económica.
O sistema educativo ponse ao servizo das necesidades da empresa  ao  promover a segregación temperá do alumnado coa introdución de   itinerarios en función do seu rendemento académico, e non das   necesidades do alumnado como persoa e como cidadán. O STEG defendeu   sempre un modelo de escola que priorice a realización do proxecto vital   das persoas e da comunidade na que viven, e non das urxencias  cambiantes  e caprichosas dun mercado de traballo condicionado pola  necesitade dun  beneficio rápido da clase empresarial. A reintrodución  da reválida e  doutros sistemas de selección e clasificación do alumnado  e dos centros  sen ter en conta as condicións socioeconómicas da súa  contorna, nin a  singularidade individual, nin as aspiracións das  persoas, converterán ao  ensino nunha práctica de selección de persoal  controlada polas  empresas...
A creación da materia de Educación cívica e   constitucional, que baleira dos contidos máis tolerantes e progresivos   de EpC, e o mantemento da materia de Relixión, supón unha aposta polo  control ideolóxico  do sistema baixo os postulados máis conservadores e  confesionais. Para  o STEG, a escola debe contribuír á visualización e á  aceptación dos  diferentes xeitos de vivir e de buscar a felicidade  propia dos e das  cidadás, e non a instruír segundo pautas de conduta  inspiradas nos  estreitos puntos de vista dunha determinada clase social  ou confesión  relixiosa. Nese sentido, o STEG oponse á intención da  contrarreforma de  lexitimar as subvencións públicas a escolas privadas  que segregan en función do sexo,  ou que realizan calquera tipo de  selección do alumnado por sexo,  etnia, renda, ou rendemento escolar.O STEG vén demandando desde moito  antes do comezo da actual crise económica que se eliminen as subvencións  ao ensino concertado por supeditar o beneficio  común ao beneficio  propio e o dunhas minorias, potenciando no seu lugar o ensino público.  Na actual situación, resulta máis urxente aínda comezar recortando nos  concertos educativos, centrando todos os recursos na única escola que  garante a atención a toda a poboación: a pública.
A contrarreforma será lesiva tamén para as  condicións de traballo do profesorado ao transvasar o concepto de  mobilidade forzosa  da reforma laboral ao ensino. O profesorado, segundo  as intencións de  Wert, perdería o dereito á súa praza e poderíaselle  obrigar a impartir  ensinos diferentes no propio centro, en diferentes  etapas ou nun centro  diferente “por necesidades de servizo ou  funcionais”. Isto, sumado aos  fortes recortes nas retribucións, o  aumento das ratios e o  despedimento masivo de persoal interino, incide  na precarización do  traballo docente, especialmente na escola pública, o  que pode supor,  ademais, unha redución de plantillas que afectaría a  decenas de miles  de profesoras e profesores.
A participación da comunidade educativa na  xestión democrática dos centros, de aplicarse o contemplado neste  Anteproxecto, experimentará un retroceso de proporcións tan xigantescas e  graves que cabe dicir que nos retrotraerá, sen esaxero, á etapa  pre-democrática. Os Consellos Escolares, por exemplo, deixan de ter  carácter decisorio e pasan a ter unicamente, en aspectos ben  fundamentais, carácter de órganos consultivos. Todo o poder decisorio  que perden gáñano os órganos unipersoais, nomeadamente a Dirección, o  que non fai máis que incrementar a concepción piramidal e o enfoque  xerencialista, empresarial, do goberno dos centros educativos, animados  polo Anteproxecto, ademais, a procuraren recursos externos de todo tipo  no ámbito privado.
O ministro Wert pretende todo isto 
sen o necesario debate democrático  e a  busca do consenso coa comunidade educativa e a representación  lexítima  das traballadoras e traballadores do ensino, os partidos  políticos e as  comunidades autónomas.
 
O STEG oporase a este proxecto por todos os medios   ao seu alcance, e promoverá a súa discusión e rexeitamento nas  asembleas  de traballadoras e traballadores. Así mesmo, animará á  comunidade  educativa a mobilizarse para impedir que se aprobe e se  implante nos  centros educativos, e a propor unha reforma que teña como  obxectivo un  sistema educativo emancipador, igualitario, gratuíto e  respectuoso coas  diferenzas individuais, sociais e de sexo.
Pemanente do Secretariado Nacional
outubro do 2012