Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Portada STEG << Lexislación

PROFESORADO
Permisos
Licenzas
Excedencias
Horarios
Perda destino definitivo
 
CONVOCATORIAS ANUAIS
Selección direccións, comisións de servizo...
 
CENTROS
Regulamentos orgánicos e ordes que os desenvolven
Clasificación centros públicos
Requisitos mínimos dos centros
Comedores escolares
Xornada única
Xestión económica
 
ENSINANZAS
Infantil - Primaria
Secundaria
Bacharelato
F.P.
Adultos
Orientación e E.E.
Lingua galega
Linguas estranxeiras
 
LOE
Normativa derivada da LOE
PERMISOS
 
POLO NACEMENTO, ACOLLEMENTO OU ADOPCIÓN DUN FILLO E POLO FALECEMENTO ACCIDENTE OU ENFERMIDADE GRAVE DUN FAMILIAR
Lei 9/2003 de medidas tributarias e administrativas. Modifícase a letra a) do apartado 1 do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactada como segue:
DURACIÓN.- Polo nacemento, acollemento ou adopción dun fillo e polo falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, tres días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e cinco días hábiles cando sexa en distinta localidade".
"Cando se trate do falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade, o permiso será de dous días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e de catro días hábiles cando sexa en distinta localidade".
OBSERVACIÓNS.- Graos de consanguinidade, tanto propios como do conxuxe:
1º grao: fillos, fillas, noras, xenros, pai, nai, sogra e sogro.
2º grao: irmáns, cuñados, cuñadas, avós, avoas, netos e netas.
 

TRASLADO DE DOMICILIO

LEXISLACIÓN: Lei 13/07 que modifica o art 70.1.b. da Lei 4/88 da Función Pública de Galicia.
DURACIÓN : Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, un día na mesma localidade e dous días se hai cambio de localidade. Se a unidade familiar está composta por dous ou máis membros, o permiso será de dous días sen cambio de localidade e de catro se existe cambio.
 

PARA REALIZAR FUNCIÓNS SINDICAIS

LEXISLACIÓN: Lei 4/88 da Función Pública de Galicia Art. 70.1.c
OBSERVACIÓNS: Permiso para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos.
 
EXAMES
LEXISLACIÓN: Lei 4/88 da Función Pública de Galicia, Art. 70.1.d, modificada pola Lei 3/95 (DOG 20-4-95).
DURACIÓN: Durante os días da súa celebración.
OBSERVACIÓNS: Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais.
RETRIBUCIÓNS: Non hai desconto de haberes.
 
LACTANCIA
LEXISLACIÓN: Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.1.e
DOCUMENTACIÓN: Solicitude e fotocopia cotexada do Libro de familia.
DURACIÓN:Por lactancia dun fillo ou filla menor de doce meses, a funcionaria terá dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. Este dereito poderase substituír por unha redución da xornada normal en media hora ao inicio e ao final da xornada ou ben nunha hora ao inicio ou ao final da xornada. Este dereito poderá ser exercido indistintamente por un ou outro dos proxenitores, no caso de que ambos traballen.
Igualmente, poderase substituír o tempo de lactancia por un permiso retribuído que acumule en xornadas completas o tempo correspondente ou ben por un crédito de horas, podéndose aproveitar, en ambos os casos, en calquera momento, despois do gozo do permiso de maternidade.
A cantidade de horas incluídas no crédito será o resultado de contabilizar o total de horas ás que se tería dereito se se dispuxese do permiso de lactación na súa modalidade dunha hora de ausencia.
 
POR NACEMENTO DE FILLOS PREMATUROS
LEXISLACIÓN: Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.1.g
OBSERVACIÓNS: Por nacemento de fillos prematuros ou que por calquera outra causa deban permanecer hospitalizados a continuación do parto, a funcionaria ou o funcionario terá dereito a ausentarse do traballo durante un máximo de dúas horas diarias e percibirá as retribucións íntegras.
 
GARDA LEGAL
LEXISLACIÓN: Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.1.g
DURACIÓN: Redución dun terzo ou un medio da xornada de traballo
OBSERVACIÓNS: Por razóns de garda legal, cando o persoal funcionario teña o coidado directo dalgún menor de doce anos, de persoa maior que requira especial dedicación ou dunha persoa con discapacidade que non desempeñe actividade retribuída, terá dereito a unha redución dun terzo ou un medio da xornada de traballo, coa diminución proporcional das súas retribucións.
Terá o mesmo dereito o persoal funcionario que precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non se poida valer por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.
 
EXAMES PRENATAIS
LEXISLACIÓN: Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.1.h
OBSERVACIÓNS: As funcionarias embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto e logo de xustificación da necesidade de realización delas dentro da xornada de traballo.
 
TRATAMENTO DE FECUNDACIÓN ASISITIDA
LEXISLACIÓN: Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.1.i
DURACIÓN: polo tempo necesario para a súa práctica
OBSERVACIÓNS: As funcionarias embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto polo tempo necesario para a súa práctica e logo de xustificación da necesidade de realización delas dentro da xornada de traballo.
Este permiso tamén é válido para a parella Art 70.1.j
 
POR ACCIDENTE OU ENFERMIDADE MOI GRAVE DUN FAMILIAR
LEXISLACIÓN: Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.1.k
DURACIÓN.- Máximo de 30 días naturais

OBSERVACIÓNS.- Accidente ou enfermidade moi grave do cónxuxe, parella en análoga relación de afectividade, familiares en primeiro grao, acollidos/ acollidas ou familiares conviventes. Cada accidente ou enfermidade xerará un único permiso, que, dentro da duración máxima de trinta días, se poderá utilizar de maneira separada ou acumulada.
Graos de consanguinidade, tanto propios como do conxuxe:
1º grao: fillos, fillas, noras, xenros, pai, nai, sogra e sogro.
 
POR COIDADO DUN FAMILIAR DE 1º GRAO
LEXISLACIÓN: Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.1.l
DURACIÓN.- Máximo de 30 días naturais

OBSERVACIÓNS.- Por ser preciso atender o coidado dun familiar de primeiro grao, o persoal funcionario terá dereito a solicitar unha redución de ata o 50% da xornada laboral, con carácter retribuído, por razóns de enfermidade moi grave e polo prazo máximo dun mes, prorrogable en circunstancias excepcionais e atendendo á extrema gravidade da enfermidade padecida, ata un período máximo de dous meses.
Graos de consanguinidade, tanto propios como do conxuxe:
1º grao: fillos, fillas, noras, xenros, pai, nai, sogra e sogro.
 
PARA ACOMPAÑAR A UN FAMILIAR A REVISIÓNS MÉDICAS
LEXISLACIÓN: Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.1.l OBSERVACIÓNS: O persoal funcionario terá dereito a ausentarse para acompañar ás revisións médicas os fillos e as fillas e as persoas maiores ao seu cargo polo tempo necesario, con aviso previo e xustificación da necesidade de realización dentro da xornada de traballo.
 
PARA O CUMPRIMENTO DUN DEBER INESCUSABLE
LEXISLACIÓN: Lei 4/88 da Función Pública de Galicia, Art. 70.2 (DOG, 1/06/1988)
OBSERVACIÓNS: Concesión obrigada, por duración de un ou dous días. Incluso máis, subordinado ás necesidades do Centro e do servizo.
Enténdese por deber inescusable a obriga que atinxe a unha persoa de xeito que o seu incumprimento xera unha responsabilidade de carácter penal, civil ou administrativo.
 
IMPREVISTOS, INDISPOSICIÓNS, ENFERMIDADES LEVES OU ATENCIÓNS A NECESIDADES INDEFINIDAS
LEXISLACIÓN: Ordes do 22 de xullo e de 1 de agosto de 1997 (DOG de 2-9-97).
DURACIÓN: Para períodos non superiores a tres días. O director poderá aceptar as xustificacións do profesorado ata un máximo de 24 unidades lectivas (horas/clase) nos Centros de Ensinanza Secundaria e 30 nos de Primaria, durante o curso escolar. Superadas estas horas, todas as faltas deberán ser xustificadas documentalmente.
 
ASISTENCIA A ACTIVIDADES DE FORMACIÓN
LEXISLACIÓN: Circular nº 3/98 da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e F.P.
OBSERVACIÓNS: Ás que se desenvolvan no horario lectivo deberase solicitar o permiso correspondente á Delegación Provincial a través da dirección do centro con polo menos 10 días de antelación ao inicio da actividade. Estas solicitudes serán informadas pola inspección educativa.
As organizadas polos CEFOREs só poderán ser fóra do horario lectivo.
 
PREPARACIÓN AO PARTO
LEXISLACIÓN: Lei 9/2003 de medidas tributarias e administrativas.
Engádeselle unha nova letra g) ao apartado 1 do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda coa seguinte redacción:
"g) As funcionarias embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto, polo tempo necesario para a súa práctica e logo de xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo".
 

PARTO, ADOPCIÓN OU ACOLLEMENTO

LEXISLACIÓN: Lei 9/2003 de medidas tributarias e administrativas
Modifícase o apartado 4 do artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado como segue:
" No suposto de parto, a duración do permiso será de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no caso de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. O permiso distribuirase a opción da funcionaria sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto.
No caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, de ser o caso, da parte que reste do permiso".
"Malia o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que a nai e o pai traballen, esta, ao iniciar o período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, agás que no intre da súa efectividade a incorporación ao traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.
Nos casos de parto prematuro e naqueles nos que, por calquera outra causa, o neonato debese permanecer hospitalizado a continuación do parto, o permiso poderá computarse, por instancia da nai ou, no seu defecto, do pai, a partir da data da alta hospitalaria. Exclúense deste cómputo as primeiras seis semanas posteriores ao parto, de descanso obrigatorio para a nai.
Nos supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente, de menores de ata seis anos, o permiso terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no suposto de adopción e acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas a elección do funcionario, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. A duración do permiso será, así mesmo, de dezaseis semanas nos supostos de adopción ou acollemento de menores, maiores de seis anos de idade, cando se trate de menores discapacitados ou minusválidos ou que por circunstancias ou experiencias persoais ou que por proviren do estranxeiro teñan especiais dificultades de inserción social e familiar, debidamente acreditadas polos servizos sociais competentes. No caso de que a nai e o pai traballen, o permiso distribuirase a opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos.
Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma deles non poderá exceder das dezaseis semanas previstas nos apartados anteriores ou das que correspondan no caso de parto múltiple.
Os permisos aos que se refire este apartado poderán gozarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, por solicitude dos funcionarios e se o permiten as necesidades dos servizos, nos termos que regulamentariamente se determinen.
Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ao país de orixe do adoptado, o permiso previsto para cada caso neste artigo poderá iniciarse ata catro semanas antes da resolución pola que se constitúe a adopción".

Novidades introducidas na Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.4 a

  • Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do fillo ou filla, e por cada fillo a partir do segundo, nos supostos de parto múltiple.
  • Nos casos de parto prematuro e naqueles nos que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, este permiso ampliarase en tantos días como o neonato se encontre hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais.
  • Adopción ou acollemento internacional. Se fose necesario o desprazamento previo dos proxenitoresao país de orixe do adoptado ou acollido, nos casos de adopción ou acollemento internacional, terase dereito, ademais, a un permiso de ata tres meses de duración, e durante este período percibiranse exclusivamente as retribucións básicas, podendo gozarse de forma fraccionada, sempre que non se superen os tres meses. Art 70.4.b
 
PATERNIDADE

LEXISLACIÓN: Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.4.c
DURACIÓN: 29 días naturais a partir da data de nacemento. No caso de parto, acollemento ou adopción múltiple, o permiso será de trinta e cinco días naturais.

OBSERVACIÓNS: Nos supostos de adopción ou acollemento, se ambos os proxenitores fosen persoal ao servizo da Administración pública galega, o permiso poderase distribuír á opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos, respectando en todo caso o prazo de duración.
Este permiso é independente do gozo compartido dos permisos previstos nas alíneas a) e b).
A nai poderá gozar deste permiso de paternidade a continuación dos permisos previstos nas alíneas a) e b) nos seguintes supostos:
-Cando o pai falecese antes da utilización íntegra do devandito permiso. -Se a filiación paterna non estivese determinada.
-Cando os proxenitores non estivesen casados nin estivesen unidos de feito en análoga relación de afectividade.
-Cando en resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, se lle recoñecese á nai a garda do fillo ou da filla que acaba de nacer.
No suposto de matrimonio de mulleres ou de unións de feito en análoga relación de afectividade, ao ser unha delas a nai biolóxica, a que non o sexa terádereito ao permiso de paternidade nos termos fixados nesta alínea.

 
 
POR RISCO DURANTE O EMBARAZO
LEXISLACIÓN: Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promover a Conciliación da Vida Familiar e Laboral das Persoas Traballadoras (BOE 06-11-99), que introduce un terceiro apartado no artigo 69º da Lei de Funcionarios Civís do Estado de 1964, Decreto 15/1964, de 7 de febreiro (BOE 15-02-64).
DOCUMENTACIÓN: Solicitude e informe médico.
DURACIÓN: Trátase de licenzas de ata 3 meses cada ano natural, que poderán prolongarse por períodos mensuais.
OBSERVACIÓNS: Afecta ás funcionarias con risco durante o embarazo, no período necesario para a protección da súa saúde ou a do feto, e mentres persista a imposibilidade de incorporarse a un posto compatible co seu estado. A licenza de tres meses ten plenitude de dereitos económicos. No caso de prolongarse en períodos mensuais, percibirase soamente o soldo e o complemento familiar.
 
EMBARAZO E PARTO (INTERINAS-SUBSTITUTAS)
LEXISLACIÓN: A mesma que para os/as funcionarios/as.
DOCUMENTACIÓN: A mesma.
DURACIÓN: A mesma se ocupa vacante.
OBSERVACIÓNS: Para ter dereito a prestación económica por ILT é preciso estar afiliada á S.S. polo menos nove meses antes da data prevista para o parto e ter cotizados 180 días o ano inmediato anterior. Hai que obter o nomeamento da Delegación antes do parto.
No caso de que o nomeamento dunha interina expire durante o período do permiso por maternidade, inscribirase como demandante nas Oficinas de Emprego para continuar percibindo a prestación por ILT (75%) a través do INEM, pasando despois, unha vez reunidos os requisitos necesarios, a percibir a prestación por desemprego.

 

POR RAZÓN DE VIOLENCIA DE XÉNERO
LEXISLACIÓN: Lei 13/07 de modificación da Lei 4/88 da función pública de Galicia Art 70.4.d
OBSERVACIÓNS: as faltas de asistencia do persoal funcionario vítima da violencia do xénero, totais ou parciais, terán a consideración de xustificadas polo tempo e nas condicións nas que así o determinen os servizos sociais de atención ou de saúde, segundo proceda.